Data:
Consellería do Medio Rural
Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR605A). BDNS (Identif.): 671815.
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento administrativo MR605A), e se convocan para o ano 2023, a través de dúas liñas de axuda.
2. As dúas liñas de axuda obxecto de subvención son as seguintes:
a) Liña I (medida Feader 8.3 axudas para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes): axudas para realizar tratamentos silvícolas (prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, que permitan crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal e o control selectivo de combustible (como son rozas, desmestas, rareos e podas), coa finalidade de prevención de incendios e as axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, e especificamente en piñeirais de piñeiro do país (Pinus pinaster), piñeiro insigne (Pinus radiata) e piñeiro negral (Pinus nigra).
b) Liña II (medida Feader 8.5): axudas para realizar tratamentos silvícolas (rareos, desmestas, podas, cortas de formación, rozas, etc.) e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo.
Beneficiarios
1. Serán beneficiarios as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores, non admitíndose a cesión por parte do arrendatario do terreo a un terceiro.
2. Das axudas previstas nesta orde serán persoas beneficiarias as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os proindivisos legalmente constituídos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas, as entidades locais e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC), que cumpran o establecido no punto 1. Para as actuacións incluídas no artigo 5.1.a).3º (axudas para as accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras), tamén poderán ser beneficiarias as fundacións inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego adscrito á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Intensidade da axuda
A intensidade da axuda para estas actuacións será do 100 %, salvo para as actuacións incluídas no artigo 5.1.a).3º (axudas para as accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras), que será do 80 %. Calcularase a axuda sobre o custo real subvencionable do investimento determinado no correspondente proxecto técnico ou no documento descritivo das actuacións recollido no anexo IV, segundo o caso e tendo en conta o anexo XII no que figura o cadro de importes máximos subvencionables por cada tipo de actuación.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Ampliación do prazo de presentación de solicitudes (MODIFICACIÓN publicada no DOG. Nº: 48, do 9 marzo 2023)
Modifícase o artigo 12, punto 1, que queda redactado do seguinte xeito:
«1. Ampliar o prazo de presentación de solicitudes nun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Esta ampliación permite que as persoas que xa formularon solicitude no prazo transcorrido ata a modificación desta orde poidan manter ou modificar a súa solicitude ou que aquelas persoas que non formulasen solicitude con anterioridade poidan formulala tendo en conta as novas condicións».
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 671815): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Na subdirección xeral e nos servizos provinciais responsables dos recursos forestais.