AXUDAS PARA ACTUACIÓNS DE CORRECCIÓN DE IMPACTOS PAISAXÍSTICOS DESTINADAS A CONCELLOS DE GALICIA. PRAZO:28-02-2022

Data: 

xoves, 20 Xaneiro, 2022 (Todo o día) a luns, 28 Febreiro, 2022 (Todo o día)

 

Instituto de Estudos do Territorio 

Resolución do 20 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, xestionadas por este instituto, e se establece a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2022 (código de procedemento MT402B), tramitado como expediente anticipado de gasto. BDNS (Identif.): 605863.

Obxecto

As subvencións teñen por obxecto a corrección de impactos paisaxísticos presentes tanto en edificios de titularidade municipal, coma en certos equipamentos de titularidade municipal, ou ben os producidos por eles debido ao seu aspecto exterior, todo isto en congruencia cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia e os obxectivos e criterios que expresan as directrices de paisaxe de Galicia. Os gastos subvencionables son os indicados no seu punto cuarto.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 20.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en data 1 de xaneiro de 2020, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter cumprido coa obriga anual de remisión ao Consello de Contas, das contas do concello. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Contía

Destínase crédito por importe total de seiscentos mil euros (600.000 €), financiado con fondos propios da Comunidade Autónoma.

O importe da subvención será:

Liña I: 70 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 20.000 € por concello.

Liña II: 70 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 20.000 € por concello.

As dúas liñas de axuda son as seguintes:

Liña I: equipamentos municipais de tipo sanitario-asistencial, educativo, cultural ou administrativo-institucional, de acordo coa clasificación que establece a epígrafe 3 do anexo I do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (Decreto 143/2016, do 22 de setembro).

Poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:

a) Renovación do acabamento exterior das fachadas (paramentos cegos, carpinterías ou cerrallarías) que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia da inexistencia dun adecuado acabado final, o deficiente estado de conservación ou a tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento.

Considerarase como deficiente estado de conservación aquel no que se atopen os elementos de fachada como consecuencia de patoloxías construtivas tales como desconchados, humidades ou manchas permanentes, quedando excluídas de forma expresa as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza. Considéranse incluídos os casos de fachadas de cachotería ou cantería que precisen a realización ou renovación dos morteiros de rexuntado.

Os materiais e as cores que se empreguen deberán adaptarse aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.

Considerarase que a tonalidade ou a intensidade da cor produce un impacto paisaxístico cando non se sitúan dentro da mesma gama cromática e próximas ás recollidas nas correspondentes cartas da Guía de cor e materiais de Galicia.

Queda expresamente excluída a substitución de carpinterías e cerrallarías exteriores, así como o picado de recebos existentes en fachadas de cachotería para deixar vista a pedra, sen prexuízo de que poidan ser obxecto de actuacións de renovación do seu acabamento exterior.

b) Remate ou renovación do acabado exterior de cubertas que, ben por estar rematadas con pranchas de fibrocemento ou solucións construtivas non axeitadas para quedaren á vista, ben por atoparse nun deficiente estado de conservación, constitúen un impacto paisaxístico.

Considéranse incluídas as unidades de obra relativas a elementos ou intervencións inherentes e imprescindibles para o soporte (non estrutural), remate ou renovación das cubertas. Queda excluída de forma expresa a renovación de elementos estruturais, así como as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.

Para o novo acabado exterior das cubertas empregarase preferentemente tella cerámica ou lousa (en función do material tradicional da comarca), se ben poden empregarse outros materiais e solucións acordes coa edificación e que ofrezan un adecuado resultado estético. Para tal fin aplicaranse os criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.

Liña II:

A) Fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos: as actuacións que se van subvencionar son, en todo caso, de índole menor xa que non se cambiará o seu uso nin se aumentará o volume dos elementos estruturais que os compoñen.

B) Outras construcións ou instalacións de titularidade municipal destinadas a outros equipamentos de servizos públicos, de acordo coa clasificación que establece a epígrafe 3 do anexo I do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (Decreto 143/2016, do 22 de setembro):

a) Revestimento exterior de muros de cerramento de terreos realizados con bloques de formigón sen revestir.

b) Acondicionamento exterior de fachadas, cubertas ou outros elementos constitutivos da construción ou instalación que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia da inexistencia dun adecuado acabado final, o deficiente estado de conservación ou a tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento.

Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes poderanse presentar desde as 12.00 horas do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ata o día 28 de febreiro de 2022.

Descargas: