Axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia. Prazo: 28-02-2024

Data: 

martes, 16 Xaneiro, 2024 (Todo o día) a mércores, 28 Febreiro, 2024 (Todo o día)

 

Instituto de Estudos do Territorio

Resolución do 11 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, e se establece a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2024, tramitado como expediente anticipo de gasto (código de procedemento MT402B).

BDNS (Identif.): 738431.

Obxecto

As subvencións teñen por obxecto a corrección de impactos paisaxísticos producidos tanto por edificios de titularidade municipal, como por outros equipamentos e bens de titularidade municipal na súa contorna, debido ao seu inadecuado aspecto exterior, todo isto en congruencia cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia e cos obxectivos e criterios que expresan as directrices de paisaxe de Galicia, a través de dúas liñas de axuda.

As liñas de axuda refírense a actuacións sobre inmobles destinados á prestación dos servizos municipais, entendendo como tales aqueles relacionados co exercicio de calquera das competencias referidas no artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, ou cos servizos incluídos no artigo 26.1 da mesma lei, así como a outros bens de titularidade municipal.

As dúas liñas de axuda son as seguintes:

a) Liña I: equipamentos municipais de tipo sanitario-asistencial, educativo, cultural ou administrativo-institucional, de acordo coa clasificación que establece a epígrafe 3 do anexo I do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (Decreto 143/2016, do 22 de setembro).

b) Liña II A: fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos: as actuacións que se subvencionarán son, en todo caso, de índole menor, xa que non se cambiará o uso. Os posibles tipos de intervención detállanse no anexo técnico da presente resolución.

c) Liña II B: outras construcións ou instalacións de titularidade municipal destinadas a outros equipamentos de servizos públicos, de acordo coa clasificación que establece a epígrafe 3 do anexo I do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (Decreto 143/2016, do 22 de setembro).

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 20.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2022, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter cumprido coa obriga anual de remisión das contas do concello ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Contía

Destínase crédito por importe total dun millón de euros (1.000.000 €), financiado con fondos propios da Comunidade Autónoma.

O importe da subvención será:

Liña I: 70 % do orzamento do investimento subvencionable (orzamento aceptado polo Instituto de Estudos do Territorio), co límite máximo de 20.000 € por concello.

Liña II: 70 % do orzamento do investimento subvencionable (orzamento aceptado polo Instituto de Estudos do Territorio), co límite máximo de 20.000 € por concello.

Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes poderanse presentar desde as 12.00 horas do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ata o día 28 de febreiro de 2024.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 738431): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/es/index

-No  Instituto de Estudos do Territorio.

 

Descargas: