AXUDAS PARA ACTUACIÓNS DE MELLORA PAISAXÍSTICA E DE EMBELECEMENTO DE BENS E RECURSOS QUE SE ATOPEN NO CAMIÑO DE SANTIAGO. PRAZO: 23-03-2022

Data: 

xoves, 24 Febreiro, 2022 (Todo o día) a mércores, 23 Marzo, 2022 (Todo o día)

 

Axencia Turismo de Galicia 

Resolución do 10 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago, e se establece a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU501D). BDNS (Identif.): 611392.

Obxecto e réxime

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora paisaxística, a procura da harmonía, a orde e respecto, e a coherencia do Camiño de Santiago e a súa paisaxe cos valores culturais ligados ás sociedades que ao longo do tempo construíron este espazo (código de procedemento TU501D).

As actuacións deberán realizarse sobre bens físicos situados no ámbito de protección dos Camiños de Santiago, e no campo visual do seu recorrido, de tal xeito que a actuación sexa perfectamente visible desde o Camiño.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:

Categoría 1ª:

a) Os concellos de Galicia polos que discorra algún tramo físico terrestre do Camiño de Santiago.

b) Tamén poderán solicitar as axudas reguladas por estas bases calquera outra entidade local en relación a actuacións que vaia realizar no Camiño de Santiago sempre que se teñan competencias para a actuación proposta.

Categoría 2ª:

a) As persoas físicas sen ánimo de lucro e as persoas xurídicas sen ánimo de lucro titulares dun dereito real sobre un ben moble ou inmoble, recurso ou elemento situado en calquera dos tramos físicos dalgunha das rutas do Camiño de Santiago.

b) As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal, en relación cos inmobles situados en calquera dos tramos físicos dalgunha das rutas no Camiño de Santiago.

c) As asociacións de veciños, comunidades de montes veciñais en man común, comunidades de bens, e calquera outra institución ou asociación que teña título habilitante suficiente para actuar sobre o recurso ou elemento sobre o que se propón a actuación situado en calquera dos tramos físicos dalgunha das rutas do Camiño de Santiago.

Importe

As subvencións obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 1.500.000,00 €, dos cales 750.000,00 € se dirixirán á categoría 1ª con cargo á aplicación orzamentaria 05.A2.761A.760.0, código de proxecto 2016 00002; e 750.000,00 €, á categoría 2ª, con cargo á aplicación orzamentaria 05.A2.761A.781.0, código de proxecto 2015 00005 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán recibir a subvención oportuna.

Actuacións subvencionables

a) Actuacións sobre elementos etnográficos e a súa contorna.

Actuacións de valorización, mantemento, conservación, consolidación ou restauración dos bens que integran o patrimonio etnográfico de Galicia, de conformidade co sinalado no capítulo III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (fontes, lavadoiros, hórreos, pontes, pontellas, muíños, valados, peches e calquera outro elemento de carácter tradicional vinculado á paisaxe e a cultura do lugar). As actuacións realizaranse sobre o propio elemento e/ou a súa contorna.

b) Actuacións sobre a casa e a eira.

• Actuacións de mellora nos revestimentos: fachada, cuberta con materiais propios da zona como son a madeira, pedra, pintura e calquera material que harmonice coa contorna e as súas cores.

• Actuacións de mellora dos puntos de contacto coa traza do Camiño: valados, pavimentos nos puntos de acceso, instalación de áreas de descanso para peregrinos.

• Actuacións de mellora nas edificacións auxiliares, como adaptación da escala ou os acabados.

c) Actuacións no espazo agrario.

• Actuacións de ocultación mediante vexetación ou outros elementos daqueles bens ou elementos con forte impacto sobre o campo visual do Camiño, por exemplo, naves gandeiras.

• Actuacións de demolición de elementos en desuso ou abandonados sen interese patrimonial ou paisaxístico, como naves, silos ou casetas.

• Actuacións de mellora dos puntos de contacto coa traza do Camiño: valados, pavimentos nos puntos de acceso.

• Actuacións de desentullo e limpeza de lixo ou materiais en desuso.

d) Actuacións de naturalización.

Incorporación de vexetación como elemento integrador das construcións e das vías, como arborizado e vexetación arbustiva de acompañamento do Camiño, e mellora do axardinamento en xeral.

e) Actuacións no trazado do camiño.

• Actuacións de substitución de elementos de mobiliario urbano e similares que polo seu estado de deterioración ou polas súas propias características físicas resulten alleos á contorna do Camiño. Por exemplo: marquesiñas, elementos de sinalización, bolardos, iluminación pública, cableado aéreo, antenas, colectores de residuos.

Todas as actuacións deberán executarse seguindo as indicacións que se recollen nas directrices que se xuntan como anexo IX a estas bases.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: