AXUDAS PARA ACTUACIÓNS ENCAMIÑADAS Á PROTECCIÓN DOS ANIMAIS DE COMPAÑÍA ABANDONADOS EN GALICIA. PRAZO: 18-09-2017

Data: 

venres, 18 Agosto, 2017 (Todo o día) a luns, 18 Setembro, 2017 (Todo o día)

 

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 4 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia e se convocan para o ano 2017. BDNS (Identif.): 359030.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia relativas á atención e ao coidado dos animais de compañía que se atopen nos centros de recollida autorizados, á realización de campañas de concienciación para a tenza responsable e para a adopción de animais abandonados e a adquisición de material non funxible para a xestión e o manexo dos animais aloxados nos centros de recollida autorizados, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2017 (procedemento MT811A).

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As corporacións locais que posúan a competencia da recollida e tenza dos animais de compañía abandonados no ámbito territorial correspondente que:

1º. Realicen directamente e con medios propios a recollida e o mantemento de animais abandonados nun centro debidamente autorizado para tal fin e inscrito no Rexistro de Establecementos de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia con anterioridade á data de publicación desta orde;

Ou ben,

2º. O servizo de recollida e mantemento de animais abandonados se faga a través de convenios de colaboración ou cooperación con asociacións inscritas no Rexistro Xeral de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia ou con entidades ou empresas autorizadas para tales fins. En todo caso, o mantemento dos animais deberá realizarse nun centro de recollida debidamente autorizado para tal fin con anterioridade á data de publicación desta orde.

As corporacións locais poderán ser beneficiarias das axudas para os gastos subvencionables recollidos no artigo 2.a). No suposto de que a corporación local sexa titular dun centro de recollida autorizado e inscrito no Rexistro de Establecementos de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia, con anterioridade á data de publicación desta orde, tamén poderá ser beneficiaria das axudas para os gastos subvencionables recollidos na letra c) do citado artigo.

b) As asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Xeral de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia da Dirección Xeral de Patrimonio Natural con anterioridade á data de publicación desta orde.

Estas asociacións poderán ser beneficiarias das axudas para os gastos subvencionables recollidos no artigo 2.b). No suposto de que a asociación sexa titular dun centro de recollida autorizado e inscrito no Rexistro de Establecementos de Animais Domésticos e Aalvaxes en Catividade de Galicia con anterioridade á data de publicación desta orde, tamén poderá ser beneficiaria das axudas para os gastos subvencionables recollidos na letra c) do citado artigo.

Ámbito temporal

As axudas a que se refire esta orde comprenden os gastos subvencionables recollidos no artigo 2 que fosen efectivamente realizados no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 10 de novembro de 2017.

Actuacións subvencionables (Artigo 2)

1. Serán actuacións subvencionables ao abeiro desta orde de axudas:

a) Para a atención e o coidado dos animais de compañía que se atopen nos centros de recollida autorizados e relativos:

1º. Aos gastos de manutención dos animais derivados da compra de alimento comercial seco e/ou húmido específico para cans e gatos, coa finalidade de acadar un estado nutricional óptimo.

2º. Aos gastos derivados do acto clínico para a esterilización cirúrxica dos animais coa dobre finalidade de evitar a súa reprodución incontrolada e a promoción da súa adopción.

3º. Aos gastos derivados do acto clínico veterinario para a identificación animal mediante a implantación de microchip dos animais aloxados nos centros de recollida autorizados.

4º. Aos gastos derivados da aplicación das medidas profilácticas necesarias para garantir o bo estado físico e sanitario do animal e a prevención de enfermidades infeccio-contaxiosas, relativos á vacinación preventiva e á desparasitación externa e interna dos animais.

b) Campañas de concienciación e promoción da tenza responsable e para a adopción de animais abandonados, que incluirá a elaboración de material divulgativo, realización de charlas ou talleres, así como o desenvolvemento de campañas en prensa escrita e en medios audiovisuais.

c) Adquisición de equipamento non funxible para a xestión e o manexo dos animais que, en todo caso, estará destinado a dotar dos medios necesarios ao centro de recollida do que a entidade solicitante é titular. Unicamente serán obxecto de subvención os elementos incluídos no anexo I desta orde.

2. Non será obxecto de subvención o imposto sobre o valor engadido (IVE).

3. En todo caso, a contía da subvención non poderá ser nunca superior ao custo da acción subvencionable.

Contía da axuda

1. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio poderá subvencionar as actuacións recollidas no artigo 2 nas seguintes contías máximas:

a) Gastos de manutención dos animais derivados da compra de alimento comercial seco e/ou húmido: ata un máximo de 30 €/animal da especie canina e de 15 €/animal da especie felina.

b) Gastos derivados do acto clínico veterinario da esterilización cirúrxica: ata un máximo de 100 €/animal esterilizado da especie canina e de 85 €/animal esterilizado da especie felina.

c) Gastos derivados do acto clínico veterinario para a identificación animal: ata un máximo de 30 €/animal identificado.

d) Gastos derivados da aplicación de medidas profilácticas: ata un máximo de 30 €/animal tratado.

e) Campañas de concienciación para a tenza responsable e para a adopción de animais abandonados: ata un máximo de 1.500 € por asociación.

f) Adquisición de equipamento non funxible para a xestión e o manexo dos animais aloxados nos centros de recollida: ata un máximo de 4.000 € por centro de recollida.

2. No caso de superación das dispoñibilidades orzamentarias, poderán axustarse as contías á pro rata entre todas as entidades beneficiarias. O réxime de rateo farase atendendo á puntuación obtida no proceso de valoración.

3. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidade orzamentaria.

Prazo 

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

 

 

Descargas: