Axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras. Prazo: 26-01-2024

Data: 

mércores, 27 Decembro, 2023 (Todo o día) a venres, 26 Xaneiro, 2024 (Todo o día)

 

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Orde do 12 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras, e se convocan para o ano 2024 destinadas ás entidades locais (código de procedemento MT804B).

BDNS (Identif.): 733536.

Obxecto

Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas para actuacións encamiñadas á conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras, regulado polo Decreto 67/2007, do 22 de marzo, así como realizar a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento MT804B), destinadas ás entidades locais.

Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as entidades locais propietarias de elementos incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras na data de publicación desta orde. Tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de entidades locais (agrupación, asociación, mancomunidade, consorcio, fusión ou calquera outra similar).

Contía

O importe asignado é de trinta mil euros (30.000,00 €), sen prexuízo do incremento orzamentario que se poida realizar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

Actividades subvencionables

1. Serán actuacións subvencionables ao abeiro desta orde de axudas as destinadas á:

a) Realización de podas e actuacións de formación e control da copa. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa realización de podas e actuacións de formación e control da copa que se consideren precisas para a conservación e mellora dos elementos catalogados. As características das podas e actuacións de formación e control da copa deberán ser validadas polo Servizo de Patrimonio Natural, previamente ao seu desenvolvemento.

b) Aplicación de tratamentos fitosanitarios. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa adquisición e aplicación de productos fitosanitarios, e posterior xestión dos residuos con xestores autorizados. As características dos traballos deberán constar nunha memoria ou proxecto técnico, que requirirá da aprobación do Servizo de Patrimonio Natural previamente á súa execución.

c) Accións encamiñadas á conservación e mellora do contorno. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa conservación e mellora das inmediacións dos elementos catalogados, incluíndo, entre outros, descompactación ou fertilización do terreo, retirada ou modificación de elementos prexudiciais para os elementos catalogados por cuestións sanitarias ou estéticas, ou plantación de novos exemplares (só no caso de formacións senlleiras). As características dos traballos deberán constar nunha memoria ou proxecto técnico, que requirirá da aprobación do Servizo de Patrimonio Natural previamente á súa execución.

d) Accións de divulgación e sinalización. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa difusión da información da condición de árbores e formacións senlleiras, incluíndo, entre outros, deseño e impresión dos materiais. Tamén serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa información ao lado dos elementos catalogados da súa condición de árbores e formacións senlleiras, incluíndo, entre outros, sinais, soportes e gastos de colocación. O formato, o contido e as demais características dos materiais divulgativos e/ou de sinalización deberán ser validados polo Servizo de Patrimonio Natural, previamente á edición dos materiais e/ou á execución dos traballos.

e) Realización de estudos. Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa realización de estudos fitosanitarios, biomecánicos e calquera outro que se considere precisos para a conservación e mellora dos elementos catalogados, incluíndo a elaboración de plans de xestión encamiñados á conservación, restauración e mellora dos elementos catalogados.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será de 1 mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 733536): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/inditex

-Na Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

-Nos servizos de Patrimonio Natural das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Descargas: