AXUDAS PARA A CREACIÓN DE SUPERFICIES FORESTAIS (FEADER - PROGRAMA DE DESENVOLVEMENTO RURAL DE GALICIA 2014-2020). PRAZO: 20-01-2023

Data: 

venres, 9 Decembro, 2022 (Todo o día) a venres, 20 Xaneiro, 2023 (Todo o día)

 

Consellería do Medio Rural 

Orde do 23 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR670B). BDNS (Identif.): 661915.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a creación de superficies forestais en terras non agrícolas e convocalas para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento administrativo MR670B).

As axudas obxecto de subvención son as seguintes:

a) Axudas para a creación de superficies forestais con especies do anexo VIII desta orde (coníferas).

b) Axudas para a creación de superficies forestais con especies do anexo IX desta orde (frondosas).

Beneficiarias

1. Serán beneficiarias as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores, e non se admite a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.

2. Das axudas previstas nesta orde serán persoas beneficiarias as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os pro indivisos, os pro indivisos legalmente constituídos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas, as entidades locais e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC), que cumpran o establecido no punto 1.

Importe

1. As accións previstas nesta orde financiaranse, nos exercicios 2023 e 2024, con cargo aos seguintes códigos de proxecto:

a) Código de proxecto 14.03.713B.770.0.2016 00207 por un importe de 950.000,00 € (95.000,00 € no ano 2023 e 855.000,00 € no ano 2024). Este crédito destinarase ás axudas solicitadas por todo tipo de beneficiarios previstos nesta orde, excepto entidades locais.

b) Código de proxecto 14.03.713B.760.0.2016 00207 por un importe de 50.000,00 € (5.000,00 € no ano 2023 e 45.000,00 € no ano 2024). Este crédito destinarase ás axudas solicitadas polas entidades locais.

4. Estas axudas financiaranse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Feader do 75 %, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 7,5 % e da Xunta de Galicia do 17,5 %.

Actuacións obxecto de axuda e importes máximos subvencionables

1. As actuacións que poderán ser obxecto de subvención son as seguintes:

a) Gastos de plantación forestal e de área de defensa contra incendios forestais:

Estes gastos incluirán os necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, adquisición de planta, así como os de plantación propiamente dita e a área de defensa contra incendios forestais.

O importe máximo do investimento en euros por hectárea de actuación, que se calculará aplicando os valores recollidos no anexo X, será de 1.853 euros en especies do anexo VIII (coníferas) e de 2.398 euros en especies do anexo IX (frondosas).

Este importe máximo de investimento por hectárea de actuación incluirá as axudas da medida 8.3 outorgadas na mesma superficie nos últimos 5 anos, sendo o computo deses anos con respecto ao ano de concesión da axuda (polo que na convocatoria do ano 2023 será desde o ano 2018 en diante).

b) As infraestruturas de acompañamento, obras complementarias e cartel das novas forestacións que se realicen ao abeiro desta orde estarán suxeitas aos seguintes condicionantes:

i) Deberanse localizar dentro ou estremeiras coa área obxecto de forestación.

ii) O importe máximo do investimento calcularase aplicando os valores máximos recollidos no anexo X, será de 255 euros por cartel (máximo subvencionable un cartel por solicitude, e só no caso de que o solicitante estea obrigado á súa colocación), de 7.580 euros por quilómetro de peche perimetral e de 2.956,07 euros por quilómetro de arranxo de pista forestal.

iii) Ademais, a repercusión máxima total por hectárea de actuación no arranxo de pista forestal e de peche perimetral será de 720 euros. No caso do peche só se subvencionará cando se xustifique a súa necesidade (gando, fauna cinexética...).

c) Tamén se subvencionarán os honorarios de redacción de proxecto, logo de solicitude, segundo o tope por hectárea indicado no anexo X de traballos, a maiores dos gastos de plantación e área de defensa e das infraestruturas de acompañamento, e só naqueles casos onde é obrigatoria a súa presentación.

d) As superficies que, conforme o anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, deben plantarse obrigatoriamente con frondosas do anexo I da Lei 7/2012 non poderán excluírse da superficie obxecto de actuación, salvo que as ditas superficies se atopen entre as superficies excluídas no artigo 2 da presente orde ou porque o terreo que se vaia plantar non faga viable a súa plantación, debendo xustificarse tecnicamente.

2. O IVE non é subvencionable.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 661915): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

Descargas: