Axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede de reservas da biosfera de Galicia (Feader - PAC 2023-2027 de Galicia). Prazo: 03-05-2024

Data: 

xoves, 4 Abril, 2024 (Todo o día) a venres, 3 Maio, 2024 (Todo o día)

 

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda 

Orde do 19 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2024 e 2025 das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede de reservas da biosfera de Galicia, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento MT724A).

BDNS (Identif.): 750917.

Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras do réxime de axudas dirixidas a promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural de zonas rurais cun elevado e contrastado valor natural como son as reservas da biosfera (código de procedemento MT724A).

Así mesmo, a través desta orde convócanse as axudas correspondentes aos exercicios orzamentarios dos anos 2024 e 2025 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva que serán cofinanciadas polo Feader.

2. A finalidade desta orde é a de contribuír a deter e inverter a perda de biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats e as paisaxes, contribuíndo á consecución dos obxectivos recollidos na Intervención 6871. Investimentos non produtivos en servizos básicos no medio natural-subintervención 68710_01. RN 2000, incluída no PEPAC 2023-2027.

 Entidades beneficiarias e ámbito territorial

1. Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas os concellos incluídos no ámbito territorial de calquera das reservas da biosfera de Galicia (anexo XII que acompaña esta orde).

2. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta orde outras entidades locais e agrupacións de concellos.

3. Son requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria os enumerados nos puntos 1, 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As axudas desta convocatoria aplicaranse a actuacións que se desenvolvan en zonas rurais situadas en calquera das reservas da biosfera de Galicia, dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega.

Contía

1. Crédito total da convocatoria: 1.800.000 euros. Esta dotación inicial poderase modificar e/ou incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Concederase o 100 % do seu custo subvencionable, cun importe máximo de 30.000 €/proxecto. Só se admitirá unha solicitude de axuda e un único proxecto por persoa solicitante.

Actuacións subvencionables

1. Poderán ser obxecto das axudas previstas nesta orde as seguintes actuacións:

a) Liña 1: actuacións dirixidas á conservación, restauración e mellora da biodiversidade, especialmente dos hábitats, especies ou ecosistemas naturais, así como aquelas actuacións que teñan un impacto favorable na mitigación e/ou adaptación ao cambio climático:

1º. Actuacións para a restauración de ecosistemas naturais e conservación do patrimonio natural:

i. Creación de cercados naqueles casos en que sexa recomendable a limitación de acceso de persoas ou gando a unha determinada superficie para a protección das augas ou do solo, así como outras obras necesarias para facilitar a preservación dos hábitats ou das especies.

ii. Restauración de zonas húmidas e outros ecosistemas acuáticos, corrección de drenaxes e restauración de queirogais.

iii. Investimentos destinados á preservación da vexetación de ribeira e filtros verdes.

iv. Actuacións de control e eliminación de especies exóticas invasoras e/ou restauración da vexetación característica do espazo.

v. Actuacións de preservación de ecosistemas naturais ou seminaturais (prados de sega, soutos…).

vi. Iniciativas de conservación de polinizadores.

vii. Outras actuacións de restauración que contribúan á preservación dos hábitats ou das especies.

2º. Actuacións destinadas a reverter a tendencia demográfica de declive das poboacións de aves ligadas a medios agrarios.

i. Accións de xestión integral das zonas húmidas utilizadas por estas aves.

ii. Mantemento e mellora do estado de conservación dos hábitats utilizados durante o período reprodutivo.

iii. Recuperación da área de nidificación, mantemento da superficie de landa e matogueira, optimización da cobertura arbustiva.

iv. Incremento da superficie e da calidade de hábitats asociados a poboacións de aves ligadas a sistemas de cultivos extensivos.

v. Outras actuacións que contribúan á mellora das poboacións de aves ligadas a medios agrarios.

3º. Realización de inventarios/estudos sobre o seguimento e estado de conservación das especies de flora e fauna e os seus hábitats.

4º. Campañas de concienciación ambiental e actividades de información e/ou sensibilización para a conservación do patrimonio natural (charlas, xornadas informativas, exposicións, actividades interactivas, etc.).

5º. Accións que teñan un impacto favorable sobre a mitigación e/ou adaptación ao cambio climático como a elaboración e actualización de plans de mitigación do cambio climático e de adaptación dos ecosistemas naturais e da biodiversidade aos seus posibles efectos.

b) Liña 2: actuacións dirixidas á mellora da conectividade ecolóxica de especies de flora e fauna:

1º. Proxectos de restauración da vexetación natural dos sistemas riparios.

2º. Plantación de sebes arbustivas e arbóreas, liñas de arboredo e cantos elementos naturais poidan ser significativos para a conservación da biodiversidade nos lindeiros de terreos agrícolas e prados, así como nas marxes da infraestrutura viaria.

3º. Eliminación ou permeabilización de barreiras que permitan a conexión entre zonas que alberguen hábitats ou poboacións afectadas pola fragmentación.

4º. Modificación de estruturas existentes para permitir o desprazamento de fauna salvaxe, así como outras melloras da conectividade.

5º. Creación e restauración de vías de conectividade no medio natural como poden ser as vías pecuarias, así como outro tipo de infraestrutura verde que mellore a conectividade.

Enténdese a Infraestrutura Verde como unha rede ecoloxicamente coherente e estratexicamente planificada de zonas naturais e seminaturais e doutros elementos ambientais, deseñada e xestionada para a conservación dos ecosistemas e o mantemento dos servizos que nos provén.

c) Liña 3: actuacións dirixidas á recuperación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representativos ou precisos para o mantemento da paisaxe agraria, cultural ou etnográfica tradicional:

1º. Investimentos para a conservación de elementos da paisaxe que xeren un impacto positivo na biodiversidade ou na conservación de elementos construtivos tradicionais (hórreos, muros de pedra, colmeas, fontes, pallozas, muíños, alvarizas...)

2º. Restauración e mantemento de terrazas de pedra, socalcos e outros elementos construtivos representativos dos sistemas agrarios tradicionais que contribúan á conservación da biodiversidade en áreas cultivadas de elevada pendente.

d) Liña 4: actuacións de creación e mellora de infraestruturas de xestión e ordenación de usos recreativos:

1º. Proxectos de restauración ou adecuación de sendas e camiños rurais relacionados con melloras de utilidade pública da reserva da biosfera, en que poderá estar incluída a mellora da sinalización, tanto orientativa como informativa e/ou interpretativa.

2º. Proxectos de creación de sendas e pasarelas fóra da zona I e II dos espazos Natura 2000, en que se poden incluír as sinalizacións necesarias, tanto orientativas coma informativas e/ou interpretativas.

3º. Proxectos de mellora e adecuación de centros de interpretación da natureza, refuxios de observación, etc.

4º. Proxectos de creación de aparcadoiros disuasorios fóra das zonas I e II da Rede Natura 2000.

2. As actuacións realizaranse conforme o condicionado do anexo IX. Non serán elixibles os proxectos de restauración de elementos do patrimonio histórico ou arqueolóxico catalogados como bens de interese cultural ou incluídos en catálogos municipais.

3. En ningún caso serán subvencionables as seguintes actuacións e investimentos:

a) Actuacións correspondentes con investimentos recollidas no artigo 73.3 do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.

b) Aquelas actuacións que non sexan respectuosas coas finalidades e obxectivos das reservas da biosfera e dos espazos naturais protexidos incluídos nelas, ou que poñan en perigo os valores que xustifican a protección destes espazos segundo as prescricións contidas na normativa comunitaria, estatal, autonómica e local aplicable.

c) Aquelas actuacións que xa foron obxecto de financiamento con cargo ao PDR 2014-2020, salvo que transcorresen máis de cinco (5) anos desde o último pagamento.

d) Dentro das actuacións recollidas no artigo 3.1.a).1º.v, como a restauración de prados de sega e de soutos de castiñeiros, non serán subvencionables as actuacións produtivas realizadas en terreos agrícolas obxecto de subvención a través doutras medidas financiadas polo Feader.

e) A compra e instalación de maquinaria ou equipamentos de segunda man, nin os gastos relativos ao traslado de maquinaria xa existente ata o local ou instalación do proxecto.

f) Os investimentos en infraestruturas a grande escala, tal e como están definidas no punto 4.1.8 do PEPAC.

g) A adquisición de terreos ou edificios.

4. En todo caso, para que unha actividade se considere subvencionable deberá ser coherente cun instrumento de planificación (Plan de xestión dunha reserva da biosfera, Plan de xestión dun espazo ou especie protexida, plans de ordenación cinexética, plans de xestión de poboacións ictícolas ou plans técnicos de ordenación dos aproveitamentos piscícolas, entre outros).

5. Dada a natureza dos investimentos subvencionables, estes débense manter afectados para o fin para o cal se lles concedeu a subvención, como mínimo durante cinco (5) anos desde a data do último pagamento.

6. As actuacións obxecto de subvención deberán axustarse á lexislación vixente e, en particular, a entidade interesada deberá contar coas licenzas e autorizacións preceptivas que sexan exixibles polas diferentes administracións públicas competentes e entidades vinculadas ou dependentes delas ao abeiro da normativa sectorial que puidese resultar de aplicación.

No caso de ser aprobada, a actuación entenderase autorizada no ámbito da DXPN.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 750917): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

-No Servizo de Patrimonio Natural da xefatura territorial correspondente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. 

Descargas: