AXUDAS PARA INVESTIMENTO NA MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS E EQUIPAMENTO DAS ESCOLAS INFANTÍS 0-3 E PUNTOS DE ATENCIÓN Á INFANCIA (PAI) DEPENDENTES DAS CORPORACIÓNS LOCAIS. PRAZO: 05-07-2017

Data: 

martes, 6 Xuño, 2017 (Todo o día) a mércores, 5 Xullo, 2017 (Todo o día)

 

Consellería de Política Social 

ORDE do 23 de maio de 2017 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais, e se convocan para o ano 2017 (cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020). BDNS (Identif.): 349000.

Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás corporacións locais para a adecuación e mellora das escolas infantís 0-3 e dos puntos de atención á infancia (PAI) da súa titularidade a través da realización das obras menores e da compra dos equipamentos precisos, na consideración de que a calidade das infraestruturas e do mobiliario e recursos educativos utilizados son un factor básico de impulso da calidade da atención prestada (código de procedemento BS403E).

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para o ano 2017.

Entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas as corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que se estean nun dos supostos seguintes:

a) Ter en funcionamento unha escola infantil 0-3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade.

b) Ter unha escola infantil 0-3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade que unicamente dependan da dotación do equipamento preciso para o desenvolvemento da actividade para seren postos en marcha no curso 2017/18.

A entidade beneficiaria non poderá ter recibido axudas financiadas con fondos estruturais e de investimento europeos (EIE) 2007-2013 para o mesmo concepto de gasto. No suposto de recursos que unicamente dependan da dotación de equipamento para seren postos en marcha tampouco poderán ter recibido axudas financiadas con fondos EIE 2007-2013 para a construción da infraestrutura.

2.Todos os equipamentos citados no punto anterior deben cumprir os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia; no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia; no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia, así como, de ser o caso, na normativa de desenvolvemento.

3. Por outra banda, para poder ser beneficiaria destas axudas a entidade local deberá ter cumprido, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes, o requisito de ter presentadas no Consello de Contas de Galicia as contas ás cales se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2015.

4. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, agás o permiso de inicio da actividade necesario para o financiamento das actuacións previstas no artigo 3.1.b) que, en todo caso, non poderá ser outorgado con data posterior ao 5 de decembro de 2017.

Accións e gastos subvencionables e contía da axuda

1. De acordo co disposto no artigo 65.6 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 só serán subvencionables aquelas operacións que non estean totalmente finalizadas no momento da presentación da solicitude de axuda e sexan efectivamente pagadas con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto no artigo 17, relativas ás seguintes actuacións:

a) Obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas dos centros de atención á primeira infancia, así como obras novas de escasa contía que melloren a accesibilidade ou doten o edificio de servizos necesarios. Para os efectos desta orde consideraranse obras menores aquelas de escasa entidade, sinxeleza construtiva e pequena contía, que non precisan de proxecto técnico.

b) Adquisición e mellora do equipamento do centro, incluída a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico e de xogo.

c) Dotación de conexión á internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula, tales como ordenador, encerado dixital, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares.

2. As actuacións recollidas na letra b) deberán realizarse aplicando a perspectiva de xénero para asegurar que promoven o benestar equilibrado de nenas e nenos e unha construción da personalidade libre de estereotipos.

3. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable pola entidade solicitante.

O custo da adquisición dos gastos subvencionables non poderá ser superior ao valor de mercado.

Para seren subvencionables, os gastos deberán ser necesarios e corresponderse de maneira indubidable á operación cofinanciada.

4. Financiarase ata o 100 % do investimento subvencionable e unha contía máxima por cada centro de 20.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 15.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula.

Cada concello poderá percibir unha axuda máxima de 35.000 euros, con independencia do número de centros para os cales presente solicitude.

5. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba a Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade local beneficiaria deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6. En ningún caso serán subvencionables os gastos derivados de actuacións de mantemento xeral das infraestruturas nin a simple substitución de materiais deteriorados polo uso. Tampouco se considerará subvecionable o material consumible ou non inventariable, entendendo por tal aquel cuxa duración estimada sexa inferior a un ano.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: 

galer_a_fotos