AXUDAS PARA O FOMENTO DA SILVICULTURA EN BOSQUES NO MEDIO RURAL (FEADER). PRAZO: 29-02-2016

Data: 

xoves, 31 Decembro, 2015 (Todo o día) a luns, 29 Febreiro, 2016 (Todo o día)

 

Consellería do Medio Rural

ORDE do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural, en concorrencia competitiva, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para fomentar a silvicultura en bosques no medio rural, en réxime de concorrencia competitiva, a través de dúas liñas de axuda.

As liñas de axuda obxecto de subvención son as seguintes:

a) Liña I: Axudas para realización de prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, que permita crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal e o control selectivo de combustible, como son rozas, clareos, claras e podas, coa finalidade de prevención de incendios.

b) Liña II: Axudas para tratamentos silvícolas (claras, clareos, podas, talas de formación, rozas, etc) e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculados ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques.

Un mesmo solicitante poderá solicitar unha ou varias liñas de axuda se non coinciden na mesma superficie.

Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as sociedades ou agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC).

2. Os beneficiarios serán persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto a propietarios como arrendatarios ou xestores. Non se admite a cesión por partigo do propietario do terreo a un terceiro.

3. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro provincial de montes veciñais en man común, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

5. Non poderán ser beneficiarios aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, apartado 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014. Conforme a este regulamento, unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:

a)Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida no punto c).

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria, comprobándose a veracidade desta declaración nos controis sobre o terreo que se realicen.

6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Actuacións obxecto de axuda e importes

Os tipos de actuacións obxecto de axuda e os importes por actuación son os seguintes:

Liña I: Axudas para realización de tratamentos silvícolas preventivos de incendios forestais.

1. Rareos en masas estables de coníferas con diámetro normal medio da masa superior a 6 cm e inferior a 12 cm e con unha densidade inicial de 2.000 pés/ha ou superior.

a) Rareos en masas de coníferas con diámetro normal medio da masa superior a 6 cm e inferior a 12 cm acadando unha densidade final entre 900 e 1.100 pés/ha: 1.031,41 €/ha.

b) Trituración dos restos, picadura ou extracción para o seu aproveitamento como biomasa: 682,68 €/ha.

No caso das masas de Pinus sylvestris L., as densidades máximas deste apartado poderán incrementarse nun 20 %.

Non se poderá solicitar a trituración dos restos, a picadura, nin a extracción para o seu aproveitamento como biomasa, no caso que o rareo se realice totalmente de forma sistemática e mecanizada, salvo que os restos que se obteñan despois do tratamento permitan o seu aproveitamento como biomasa.

2. Rozas previas ás podas, e podas en masas de coníferas: esta actuación irá dirixida á creación de descontinuidade tanto horizontal coma vertical en masas de coníferas.

a) Rozas previas á realización de podas en masas de coníferas: 515,16 €/ha.

b) Primeiras podas en masas de coníferas, ata unha altura mínima de 2 m e máxima 4 m, con diámetro normal medio comprendido entre 7 e 15 cm e cunha densidade final máxima da masa despois de realizar os traballos de 1.200 pés/ha: 605,70 €/ha.

c) Trituración de restos de poda, picadura ou extracción para o seu aproveitamento como biomasa: 682,68 €/ha.

No caso das masas de Pinus sylvestris L., as densidades máximas deste apartado poderán incrementarse nun 20 %.

Dentro deste apartado, terá que solicitarse obrigatoriamente a poda podéndose solicitar sobre a mesma superficie as rozas previas á realización de podas.

Liña II: Axudas para tratamentos silvícolas (claras, clareos, podas, talas de formación, rozas, etc) e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculados ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques.

1. Tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masa entre 10 cm e 20 cm, considerando como tales aquelas cun mínimo dun 80 % de superficie ocupada por frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e cunha densidade mínima destas de 400 pés/ha e altura media superior a 1,5 m:

a) Rozas: 696,73 €/ha.

b) Formación de guías nas que se manifeste nitidamente a dominancia apical e poda ata 1/3 da altura como mínimo: 508,40 €/ha.

c) Selección de abrochos: 694,87 €/ha.

d) Rareos: 837,08 €/ha.

Dentro deste apartado, poderán solicitarse e acumularse as súas accións sobre unha mesma superficie sempre que o importe por hectárea non supere os 2.212,00 €.

2. Rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros cunha densidade mínima de 100 pés/ha:

a) Rozas: 696,73 €/ha.

b) Podas: 661,40 €/ha.

c) Tratamento fitosanitario: 131,87€/ha.

d) Aumento da densidade dos soutos mediante a plantación de castiñeiro resistente á tinta: 194,77 €/ha.

Dentro deste punto, poderán solicitarse e acumularse as súas accións sobre unha mesma superficie sempre que o importe por hectárea non supere os 1.544,00 €.

As actuacións indicadas nas liñas I e II deste artigo non poderán obter axuda sobre unha mesma superficie.

Poderase subvencionar os honorarios de redacción de proxecto, previa solicitude, segundo o tope por hectárea indicado no anexo VIII de traballos, e só naqueles casos onde é obrigatoria a súa presentación.

Non se poderán obter axudas sobre superficies xa subvencionadas nos 5 anos anteriores a presente convocatoria e nunca se poderá obter axuda para o mesmo traballo subvencionado en convocatorias anteriores ou noutras liñas de axuda.

O IVE non é subvencionable, salvo que segundo o disposto no artigo 69.3 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, o IVE non será subvencionable a través dos Fondos EIE, salvo que non sexa recuperable conforme á lexislación nacional sobre o IVE.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 248716.48 KB
PDF icon DOG Nº. 19 - Anexos737.35 KB
PDF icon DOG Nº. 19 - Corrección de erros.462.09 KB