Data:
Consellería do Medio Rural
Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR670D). BDNS (Identif.): 672443.
Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros, e proceder a súa convocatoria para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento administrativo MR670D).
2. Estas axudas ampáranse nas actuacións incluídas nos investimentos I3, restauración de ecosistemas e infraestrutura verde, do compoñente 4, do PRTR, segundo o acordado nas conferencias sectoriais de medio ambiente do 9 de xullo de 2021 e do 15 de decembro de 2021.
Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores dos montes ou terreos forestais e/ou dos seus aproveitamentos, que actúen mediante arrendamentos, cesións ou contratos plurianuais coa propiedade cuxo obxecto sexa inequivocamente a xestión do monte ou terreo forestal e/ou agrícola e/ou dos seus aproveitamentos, e non sexan incompatibles cos compromisos a que están obrigadas as persoas beneficiarias ao abeiro do establecido na presente orde e na normativa aplicable.
2. Así mesmo, poderán ser persoas beneficiarias as agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal (Sofor), que estean inscritas, de instancia ou oficio, no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta, ou no Rexistro das Sofor, e os axentes promotores produtivos que, ao abeiro do establecido na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, sexan adxudicatarios de propostas de actuación nos polígonos agroforestais de iniciativa pública ou nos polígonos cortalumes ou que sexan promotores de polígonos agroforestais de iniciativa privada. Tamén serán persoas beneficiarias aquelas cuxas propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas á aldeas modelo, ao abeiro do establecido na Lei 11/2021, do 14 de maio, resulten seleccionadas. Tanto os polígonos agroforestais como as aldeas modelo deberán estar rexistrados respectivamente, no Rexistro Público de Polígonos Agroforestais e no Rexistro de Aldeas Modelo da Comunidade Autónoma de Galicia regulados na devandita lei.
3. Os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC).
Actuacións obxecto de axuda e importes máximos subvencionables
1. As actuacións que poderán ser obxecto de subvención son as seguintes:
a. Liña I: fomento de plantacións de castiñeiro para froito.
1º. Gastos de plantación forestal:
Estes gastos incluirán os necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, adquisición de planta, emenda calcaria, fertilización, a plantación, ademais de medios auxiliares como a achega de recursos hídricos de xeito puntual planta por planta, empregando medios que non supoñan a implantación de infraestruturas permanentes de rega co obxecto de garantir a supervivencia da planta posterior á plantación, a protección da planta mediante protectores, os titores e outros materiais necesarios, e a implantación vexetal.
Deberán usarse as variedades de castiñeiro para froito que figuran no anexo VIII da presente orde, enxertados sobre portaenxertos de Castanea sativa ou Castanea hybrida.
Os importes máximos do investimento en euros por hectárea de actuación, que se calculará aplicando os valores recollidos no anexo IX, serán os seguintes:
• 100 plantas/ha (equivalente a un marco de 10×10 m): plantación de planta enxertada: 4.845,50 €/hectárea.
En virtude do establecido no anexo I da Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia, para o modelo CS2, será admisible subir a densidade ata 204 plantas/ha (equivalente a un marco de 7×7 m) en áreas de montaña máis setentrionais. Non obstante, cando as persoas solicitantes elixan a devandita opción, o importe máximo do investimento seguirá sendo o previsto para a opción de 100 plantas/ha, é dicir, 4.845,50 €/hectárea.
• 69 plantas/ha (equivalente a un marco de 12×12 m): plantacións de planta enxertada: 4.037,95 €/hectárea.
• 50 plantas/ha (equivalente a un marco de 14×14 m): plantacións de planta enxertada: 3.543,00 €/hectárea.
Estes importes máximos non inclúen os custos de redacción de proxecto e o panel.
Deste importe máximo de investimento por hectárea de actuación restarase o importe por hectárea correspondente a calquera outro tipo de axudas públicas que ás persoas beneficiarias poidan terlle sido outorgadas na mesma superficie para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes nos últimos 5 anos, sendo o cómputo deses anos con respecto ao ano de concesión da axuda (polo que na convocatoria do ano 2023 será desde o ano 2018 en diante.
2º. Tratamento da vexetación preexistente.
O tratamento da vexetación preexistente realizarase a través de rozas que afectarán a totalidade da superficie de xeito que a altura do mato, unha vez rozado, non superará os 10 cm.
3º. Infraestruturas de acompañamento, obras complementarias e panel das plantacións que se realicen ao abeiro desta orde. Estarán suxeitas aos seguintes condicionantes:
a) Deberanse localizar dentro ou estremeiras coa área obxecto da plantación.
b) O importe máximo do investimento en euros calcularase aplicando os módulos recollidos no anexo IX, será de 50,00 euros por panel (máximo subvencionable un panel por solicitude, e só no caso de que o solicitante estea obrigado á súa colocación segundo o artigo 29); e de 7.580,00 euros por quilómetro de peche perimetral.
c) Ademais, a repercusión máxima total por hectárea de actuación no peche perimetral será de 2.000 euros. Só se subvencionará sempre que se xustifique a súa necesidade (gando, fauna cinexética, ...), independentemente do tipo de beneficiario de que se trate. En todos os casos o peche deberá garantir a protección efectiva dunha área concreta ou de toda a superficie de actuación. No caso de non alcanzarse a lonxitude necesaria para iso pola limitación establecida nesta alínea, o treito máximo subvencionable poderá engadirse a outro/s non subvencionados sempre que con iso se chegue a delimitar totalmente unha área concreta ou toda a superficie de actuación, e se garanta a súa protección. De non ser así, non será subvencionable.
4º. Poderanse subvencionar os honorarios de redacción de proxecto técnico, que deberá ser elaborado por unha persoa titulada en enxeñaría de Montes ou enxeñería técnica Forestal, ou titulada universitaria de grao ou posgrao en materia forestal, logo de solicitude, segundo o máximo por hectárea indicado no anexo IX de traballos, a maiores dos gastos de plantación e das infraestruturas de acompañamento, e só naqueles casos onde é obrigatoria a súa presentación. En todo caso, é obrigatoria a presentación dunha certificación expedida por persoa técnica competente, sobre a idoneidade da calidade de estación para a plantación de castiñeiro para froito, tendo en conta o futuro escenario que se presenta co cambio climático. A devandita certificación deberá incluír información sobre as condicións do solo (profundidade, pH, granulometría e estrutura, contido de nutrientes, contido de materia orgánica etc.), a altitude, a exposición e a pendente, entre outros. A información relativa ás condicións do solo recoméndase que estea baseada en análises de solo levadas a cabo por laboratorios acreditados de acordo coa normativa aplicable na materia.
5º. Primas de mantemento.
As persoas beneficiarias das axudas establecidas na presente orde de axudas incluídas na liña I estarán obrigadas a solicitar a correspondente prima para o mantemento das superficie obxecto das axudas na primeira convocatoria de axudas que estableza as devanditas primas para as cales sexan elixibles as devanditas superficies. A prima de mantemento está destinada ao coidado, reposición de calvas, mantemento, fertirrigación, no caso de ser necesaria, e demais traballos posteriores á plantación do castiñeiro para froito que son necesarios para o logro da plantación realizada.
As devanditas primas de mantemento subvencionarase con cargo á correspondente intervención do PEPAC 21-27 de España, estableceranse para un número suficiente de anualidades e, sempre que sexa posible, a primeira deberá coincidir co ano seguinte ao pagamento final da obra de plantación.
O incumprimento da obriga de solicitar a correspondente prima de mantemento por parte das persoas beneficiarias na primeira convocatoria en que resulten elixibles as superficies obxecto da liña I de axudas da presente orde comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei 9/2007, do 13 de xuño, subvencións de Galicia. Así mesmo, o incumprimento da obriga de executar os traballos previstos na prima de mantemento aprobada e de realizar un mantemento axeitado do investimento realizado terá as mesmas consecuencias.
b. Liña II: rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros
1º. Actuacións silvícolas.
É subvencionable o conxunto das actuacións silvícolas necesarias, agás a poda, que queda prohibida nestes rodais, para as actuacións silvícolas necesarias para a xestión e o aproveitamento, así como para a restauración dos ecosistemas formados por soutos tradicionais de castiñeiro, que deberán contar con instrumento de ordenación ou xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados, debendo estar previstas nel as accións solicitadas, ou deberán contar coa adhesión ao modelo silvícola CS3, establecido na Orde do 19 de maio de 2014. O obxectivo do modelo é a produción de froito e outros aproveitamentos, incluíndo a produción mixta froito-madeira, e a persistencia en soutos tradicionais, á vez que presentan un bo estado de conservación ecolóxica.
As actuacións, para a mellora da restauración destes ecosistemas formados polos soutos tradicionais de castiñeiros, son as indicadas na devandita orde e inclúen o seguimento e control de problemas fitosanitarios, en particular de cancro, perforadores de castaña e avespiña, e o aumento da densidade dos soutos mediante a plantación de castiñeiros das variedades para froito recollidas no anexo VIII da orde, de enxertados sobre portaenxertos híbrido resistente á tinta (Castanea x hybrida) ou castiñeiro (Castanea sativa).
a) Estes gastos incluirán os necesarios para as rozas, o aumento da densidade, a eliminación de abrochos secundarios ou chupóns, os rareos, a emenda calcaria, a fertilización, a gradadura, o espedrado, a sementeira con especies herbáceas e o pase de rolo. Esta derradeira actuación será obrigada en caso de que se solicite a actuación de sementeira con especies de herbáceas. O obxecto desta actuación é a implantación dun estrato herbáceo que permita a recollida mecanizada do froito.
b) Dentro desta epígrafe poderán solicitarse e acumularse diferentes actuacións sobre unha mesma superficie sempre que o importe por hectárea non supere os 2.922,57 € para as seguintes actuacións: as rozas, o aumento da densidade, a eliminación de abrochos secundarios ou chupóns e os rareos, e sen incluír os custos de redacción do proxecto e o panel.
2º. As rozas serán selectivas e afectarán preferentemente as especies heliófilas ou cuxo excesivo desenvolvemento poida comprometer a viabilidade do arboredo ou a biodiversidade das especies de subsolo do souto. Ademais, priorizarase a eliminación de eucalipto (Eucalyptus sp.), acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata) falsa acacia (Robinia pseudoacacia) e piñeiro (Pinus sp.).
3º. Infraestruturas de acompañamento, obras complementarias e panel dos traballos que se realicen ao abeiro desta orde. Estarán suxeitas aos seguintes condicionantes:
a) Deberanse localizar dentro ou estremeiras coa superficie de actuación.
b) O importe máximo do investimento en euros calcularase aplicando os módulos recollidos no anexo IX, será de 50 euros por panel (máximo subvencionable un panel por solicitude, e só no caso de que o solicitante estea obrigado á súa colocación segundo o artigo 29), e de 7.580,00 euros por quilómetro de peche perimetral.
c) Ademais, a repercusión máxima total por hectárea de actuación no peche perimetral será de 2.000 euros. Só se subvencionará sempre que se xustifique a súa necesidade (gando, fauna cinexética, ...), independentemente do tipo de beneficiario de que se trate. En todos os casos o peche deberá garantir a protección efectiva dunha área concreta ou de toda a superficie de actuación. No caso de non alcanzarse a lonxitude necesaria para iso pola limitación establecida nesta alínea, o treito máximo subvencionable poderá engadirse a outro/s non subvencionados sempre que con iso se chegue a delimitar totalmente unha área concreta ou toda a superficie de actuación, e se garanta a súa protección. De non ser así, non será subvencionable.
4º. Poderanse subvencionar os honorarios de redacción de proxecto técnico, que deberá ser elaborado por unha persoa titulada en enxeñaría de Montes ou enxeñería técnica Forestal, ou titulada universitaria de grao ou posgrao en materia forestal, logo de solicitude, segundo o máximo por hectárea indicado no anexo IX de traballos, a maiores dos gastos das actuacións silvícolas e das infraestruturas de acompañamento, e só naqueles casos onde é obrigatoria a súa presentación.
2. As actuacións indicadas nas liñas I e II non poderán obter axuda sobre unha mesma superficie. Non obstante, unha mesma persoa beneficiaria poderá obter axudas nas liñas I e II, sobre distintas superficies.
3. O IVE non é subvencionable.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de 45 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 672443): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index
-Na Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (Consellería do Medio Rural).
-Na Subdirección Xeral de Recursos Forestais da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural e nos servizos de montes provinciais.