AXUDAS PARA O FOMENTO DO EMPREGO NO MEDIO RURAL (APROL RURAL) 2018. PRAZO: 06-03-2018

Data: 

mércores, 7 Febreiro, 2018 (Todo o día) a martes, 6 Marzo, 2018 (Todo o día)

 

Consellería de Economía, Emprego e Industria

Orde do 31 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2018. BDNS (Idenf.): 384587.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas e subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais rurais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de tarefas de silvicultura, biomasa, limpeza de montes ou outras tarefas de valorización forestal (código do procedemento TR351G), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos rurais sempre que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos. Considérase concello rural aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

2. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Requisitos das obras ou servizos

As obras os servizos que se desenvolverán mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser tarefas de silvicultura, biomasa, limpeza de montes ou outras tarefas de valorización forestal, e cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas a que se encomende a súa execución.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e prácticas profesionais das persoas desempregadas.

c) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.

d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa de 9 meses.

e) Que as contratacións sexan para xornada a tempo completo.

Importe

1. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos:

Para o grupo de cotización 1: 20.250 €.

Para o grupo de cotización 2: 16.500 €.

Para o grupo de cotización 3: 15.000 €.

Para o grupo de cotización 4: 14.250 €.

Para o grupo de cotización 5: 13.500 €.

Para o grupo de cotización 6: 12.750 €.

Para o grupo de cotización 7: 12.000 €.

Para o grupo de cotización 8: 11.250 €.

Para o grupo de cotización 9: 11.250 €.

Para o grupo de cotización 10: 11.250 €.

Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente, de acordo co número 2.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: