AXUDAS PARA O FOMENTO DO EMPREGO NO MEDIO RURAL (APROL RURAL). PRAZO: 01-09-2016

Data: 

martes, 2 Agosto, 2016 (Todo o día) a xoves, 1 Setembro, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 14 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2016. BDNS (Identif.): 313434.

Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas e subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais no medio rural a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos cuxa poboación sexa inferior a 10.000 habitantes no padrón municipal de habitantes do ano 2015, segundo as cifras oficiais publicadas polo Instituto Galego de Estatística en 1 de xaneiro de 2016, sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos.

2. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Requisitos das obras ou servizos

As obras ou servizos que se desenvolverán mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, competencia das entidades locais e cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas ás cales se encomende a súa execución.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesionais das persoas desempregadas.

c) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.

d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa de seis meses.

e) Que as contratacións sexan para xornada a tempo completo.

Subvención: contía

1. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente ao 80 % dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos:

Para o grupo de cotización 1: 10.800 €.

Para o grupo de cotización 2: 8.800 €.

Para o grupo de cotización 3: 8.000 €.

Para o grupo de cotización 4: 7.600 €.

Para o grupo de cotización 5: 7.200 €.

Para o grupo de cotización 6: 6.800 €.

Para o grupo de cotización 7: 6.400 €.

Para o grupo de cotización 8: 6.000 €.

Para o grupo de cotización 9: 6.000 €.

Para o grupo de cotización 10: 6.000 €.

Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente, de acordo co punto 2.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

2. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

3. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Prazo

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 1441.07 MB
PDF icon DOG Nº. 144 - EXTRACTO417.19 KB