AXUDAS PARA PROGRAMAS DE EMPREGO PARA PERSOAS MOZAS INCLUÍDAS NO SISTEMA NACIONAL DE GARANTÍA XUVENIL. PRAZO: 02-03-2021

Data: 

mércores, 3 Febreiro, 2021 (Todo o día) a martes, 2 Marzo, 2021 (Todo o día)

 

Consellería de Emprego e Igualdade 

Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR353B). BDNS (Identif.): 544215.

Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade, das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego, cunha duración de 12 meses, dirixidos a mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (etapa de formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Estes programas de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

Unha vez rematada esta primeira etapa de formación e aprendizaxe, a Consellería de Emprego e Igualdade promoverá a inserción laboral de todas as persoas participantes nos programas de emprego que rematen con resultado de apto/a, mediante unha futura convocatoria de incentivos á contratación por conta allea, durante un mínimo de 6 meses a xornada completa, en empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia.

Entidades beneficiarias da subvención: entidades promotoras

Os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos polos concellos de Galicia, polas mancomunidades de concellos e polas entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade corresponda integramente a elas.

As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2020 superior a 500 persoas no ámbito territorial do proxecto, entendendo como tal o territorio do concello solicitante ou, se é o caso, a suma dos territorios dos concellos limítrofes da mesma provincia que concorran agrupados. No caso de solicitudes por parte dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles na data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2020 deberá ser superior a 200 persoas. Aplicarase esta mesma media de paro mínima se se trata dunha agrupación de dous concellos en que ambos reúnan esa característica.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos limítrofes da mesma provincia, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

Persoas beneficiarias participantes

1. Poderán ser persoas beneficiarias participantes destes programas aquelas persoas mozas de dezaoito ou máis anos que non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente no momento da selección do alumnado, inscritas e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 90.1.a) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

Ademais, deberán manter o cumprimento dos requisitos exixidos na Lei 18/2014 modificada polo Real decreto lei 6/2016, do 23 de decembro, con carácter previo a participar nos programas de emprego.

2. Para poder participar neste programa é imprescindible cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato para a formación e a aprendizaxe co obxecto de estar vinculada mediante un contrato de tales características ao proxecto durante toda a duración deste, de acordo co previsto no artigo 11.2 e na disposición adicional segunda do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

3. Se a formación que se imparta no proxecto vai dirixida á obtención de certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 ou 3, garantirase que o perfil do alumnado se adecúe aos requisitos sinalados nos reais decretos que regulan os ditos certificados.

Importe

O importe total da convocatoria ascende a 7.057.092 euros e financiarase con cargo á aplicación 11.05.322A.460.2 (proxecto 2018 00017), correspondendo a cada unha das anualidades 2021 e 2022 un importe de 3.528.546 euros, respectivamente.

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, cofinanciado cunha porcentaxe do 91,89 % pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Descargas: