Data:
Consellería do Mar
ORDE do 24 de maio de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2016. BDNS(Identif.): 307856.
Obxecto e finalidade
1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (en diante EDLP) aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (en diante GALP).
2. Tamén é obxecto desta orde convocar as axudas para o ano 2016 de acordo coas bases reguladoras.
3. As axudas xestionaranse en colaboración cos GALP no seu respectivo ámbito territorial.
O día 22 de xaneiro de 2016, por resolución da conselleira do Mar, seleccionáronse os seguintes GALP e zonas pesqueiras e aprobáronse as súas EDLP:
- GALP A Mariña Ortegal: Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño.
- GALP Golfo Ártabro Norte: Ferrol, Neda, Fene, Narón, Ares, Mugardos, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne.
- GALP Costa da Morte: A Laracha, Carballo, Malpica, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Camariñas, Vimianzo, Muxía.
- GALP Seo de Fisterra Ría de Muros Noia. Costa Sustentable: Fisterra, Corcubión, Cee, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia, Porto do Son.
- GALP Ría de Arousa: Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Catoira, Rianxo, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Illa de Arousa, Cambados, Ribadumia, O Grove.
- GALP Ría de Pontevedra: Meaño, Sanxenxo, Marín, Poio, Pontevedra, Bueu.
- GALP Ría de Vigo-A Guarda: Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, O Rosal, Oia, Baiona, A Guarda.
Beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias dos proxectos de investimento produtivo as persoas físicas ou xurídicas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar empadroada ou ter o seu domicilio social e fiscal nalgún concello do ámbito territorial do grupo de acción local do sector pesqueiro (en diante, GALP) correspondente.
b) Desenvolver o proxecto no mesmo ámbito territorial.
c) No caso de municipios densamente poboados nos que na estratexia de desenvolvemento local participativo (en diante, EDLP) non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e as súas familias), poderán ser beneficiarias:
i. As persoas xurídicas e as persoas físicas integrantes do sector pesqueiro e as súas familias. (Para estes efectos, entenderase por familias as persoas físicas que conten, dentro da súa unidade familiar, cun membro de ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que sexa pescador/a, mariscador/a, acuicultor/a, ou persoa traballadora en activo relacionada coa actividade pesqueira ou que traballara neste sector de maneira significativa).
ii. As entidades públicas locais cuxos proxectos están dirixidos á poboación integrante do sector pesqueiro ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.
d) As persoas xurídicas beneficiarias dos proxectos produtivos limitaranse á categoría de peme, excepto as entidades públicas de carácter local, segundo a definición do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
e) Non ser unha empresa en crise, segundo a definición e as condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).
2. Poderán ser beneficiarias dos proxectos de investimento non produtivo:
1. Serán beneficiarias as seguintes entidades:
a) Confrarías de pescadores e as súas federacións.
b) Asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas federacións.
c) Entidades sen ánimo de lucro integradas só por confrarías de pescadores e/ou asociacións do sector pesqueiro.
d) Entidades públicas locais.
e) Asociacións declaradas de utilidade pública.
f) Entidades sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos algún dos seguintes:
1º. Fomentar as actividades náuticas.
2º. Promover os produtos pesqueiros do territorio.
3º. Fomentar o ambiente mariño e costeiro.
4º. Promover o patrimonio cultural marítimo-pesqueiro.
2. Nos municipios densamente poboados en que na EDLP non computa a totalidade da poboación poderán ser beneficiarias as entidades indicadas nas letras a), b), c) e d) do punto 1, cuxos proxectos están dirixidos á poboación integrante do sector pesqueiro e ás súas familias, ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.
3. Ademais, as entidades cumprirán os seguintes requisitos:
a) Ter o seu domicilio social e fiscal no ámbito territorial do GALP correspondente.
b) Desenvolver o proxecto no mesmo ámbito territorial.
As entidades sinaladas nos artigos 6 e 7 poderán concorrer de maneira individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades.
Proxectos
1. Os proxectos que se presenten poderán ser de dous tipos: para investimentos produtivos e para investimentos non produtivos.
2. Defínense como investimento produtivo: as actividades que supoñen a realización dunha actividade económica, tendentes á produción de bens ou servizos e que supoñen unha creación e/ou mantemento de emprego.
3. Defínense como investimento non produtivo: os que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica e/ou non estean afectos a unha actividade económica. Así mesmo, terán este carácter os proxectos de interese público que, mesmo constituíndo unha actividade económica ou estando afectados a unha actividade económica, non incidan sobre o réxime de competencia no territorio de que se trate.
4. Con carácter xeral, os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Contribuír aos obxectivos da estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobada para a zona pesqueira onde se vaian desenvolver.
b) Estar localizados no ámbito territorial elixible de cada GALP.
c) Ser viables técnica e economicamente.
d) Axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.
Prazo
Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde. Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
Descargas:
Arquivos | Tamaño |
---|---|
DOG Nº. 109 | 1.08 MB |
DOG Nº. 109 - EXTRACTO | 445.61 KB |