Axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027. Prazo: 21-03-2025

Data: 

sábado, 22 Febreiro, 2025 (Todo o día) a venres, 21 Marzo, 2025 (Todo o día)

 

Consellería do Mar

Orde do 12 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027, e se convocan as correspondentes ao ano 2025 (código de procedemento PE155A).

BDNS (Identif.): 815537.

Finalidade

1. O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións a proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

2. Así mesmo, convócanse subvencións no exercicio orzamentario do ano 2025. O procedemento que regula a presente orde correspóndese co código PE155A.

Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as seguintes:

1. Pequenas e medianas empresas e persoas físicas con capacidade para desenvolver unha actividade económica con domicilio fiscal e social na Comunidade Autónoma de Galicia. As entidades terán personalidade xurídica.

As beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Desenvolver o proxecto no ámbito de aplicación da estratexia do GALP.

b) Cando a beneficiaria sexa unha sociedade de capital, o proxecto deberá adecuarse ao obxecto social que se recolla nos estatutos que teña rexistrados na data de remate de solicitude.

c) No caso de que o proxecto se desenvolva nun municipio densamente poboado en que na EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e os seus familiares), poderán ser beneficiarias:

1º. As sociedades de capital con domicilio social e fiscal no municipio en cuxo obxecto social figuren actividades propias do sector pesqueiro.

No caso de que a sociedade desenvolva actividades noutros sectores, deberán acreditar, no momento da solicitude, que a maior parte da súa facturación no ano anterior á convocatoria provén do sector pesqueiro.

2º. As persoas integrantes do sector pesqueiro e os seus familiares. Enténdense por familiares do sector pesqueiro aquelas persoas en cuxa unidade familiar figure algunha persoa física, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, viva ou falecida, no ano inmediato anterior á data da solicitude, que sexa ou fose unha persoa pescadora, mariscadora, acuicultora ou persoa traballadora en activo relacionada coa actividade pesqueira ou que traballase nese sector de forma manifesta.

2. Persoas xurídicas sen ánimo de lucro, con domicilio fiscal e social na Comunidade Autónoma de Galicia.

As beneficiarias son as seguintes:

a) Confrarías de pescadores e as súas federacións.

b) Asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas federacións.

c) Entidades sen ánimo de lucro integradas só por confrarías de pescadores e/ou asociacións do sector pesqueiro.

d) Entidades públicas locais.

e) Asociacións declaradas de utilidade pública.

f) Entidades sen ánimo de lucro cos seguintes obxectivos nos seus estatutos:

1º. Fomentar as actividades náuticas.

2º. Promocionar os produtos pesqueiros do territorio.

3º. Fomentar o ambiente mariño e costeiro.

4º. Promover o patrimonio cultural marítimo pesqueiro.

g) No caso de que o proxecto se desenvolva nun municipio densamente poboado en que na EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e os seus familiares), soamente poderán ser beneficiarias:

1º. As persoas xurídicas do sector pesqueiro con domicilio social e fiscal no municipio e en cuxo obxecto social figuren actividades propias do sector pesqueiro.

2º. As entidades públicas locais cuxos proxectos están dirixidos especificamente á poboación integrante do sector pesqueiro ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.

3. No caso de proxectos que supoñan a realización dunha actividade económica, as persoas beneficiarias limitaranse á categoría de Peme, agás as entidades de carácter local, segundo a definición do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.

4. No caso de proxectos que non supoñan a realización dunha actividade económica, as persoas beneficiarias limitaranse ás indicadas no punto 2 deste artigo.

5. Para seren elixibles, as persoas beneficiarias disporán de capacidade administrativa, financeira e operativa. Ademais, no caso de operacións que impliquen investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos, a persoa disporá dos recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento das operacións, para garantir a súa sustentabilidade financeira.

6. Persoas beneficiarias conxuntas:

1º. Poderán concorrer de maneira individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades, as sinaladas no artigo 5.1 entre si, e as sinaladas no punto 2 entre si.

No caso de concorreren de forma conxunta, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, co cal se efectuarán as actuacións, que será unha das entidades solicitantes, con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

2º. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente, cando non sexa posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

3º. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorran os prazos de prescrición previstos nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Importe

O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2025 e a plurianualidade asociada ás axudas que poidan concederse neste acada o importe de catorce millóns seiscentos cinco mil euros (14.605.000 euros).

Proxectos subvencionables

1. No marco deste réxime de axudas, os proxectos e actuacións subvencionables deberán acadar algún dos obxectivos indicados a seguir:

a) Aumento do valor, creación de emprego, valoración e fomento da participación das mulleres, atracción de persoas mozas e promoción da innovación en todas as fases da cadea de produción e subministración dos produtos da pesca e a acuicultura, e a mellora da imaxe destes produtos e a actividade produtiva a nivel local para a súa incorporación á cultura alimentaria do territorio.

b) Fomento da economía azul nas zonas pesqueiras e acuícolas mediante o apoio á diversificación dentro e fóra do sector da pesca comercial, á aprendizaxe permanente e á creación de emprego nas zonas pesqueiras e acuícolas.

c) Impulso e aproveitamento do patrimonio ambiental das zonas pesqueiras e acuícolas, incluídas as operacións de mitigación do cambio climático.

d) Fomento do benestar social e do patrimonio cultural das zonas pesqueiras e acuícolas, incluíndo o patrimonio cultural pesqueiro, acuícola e marítimo.

e) Reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e da gobernanza dos recursos pesqueiros e actividades marítimas locais.

2. As axudas poderán incluír actuacións relativas a outro tipo de actividade, salvo aquelas de carácter compensatorio, sempre que estean incluídas nas EDLP e só no caso no que coa proposta de concesión se achegue informe técnico motivado que xustifique claramente a súa xestión e impacto a escala local. Cando se conceda axuda para operacións que puideran ser subvencionadas noutros tipos de actividade do fondo, aplicaranse as respectivas condicións e requisitos, incluídos os criterios de selección, agás o indicado no anexo III do Regulamento (UE) 2021/1139. Tamén se terán en conta os requisitos e exixencias establecidas nas ordes de axudas que sexan publicadas pola Xunta de Galicia para o tipo de actividade.

3. Os proxectos serán subvencionables en función da dispoñibilidade de orzamento nos obxectivos estratéxicos do plan financeiro da EDLP de cada GALP. Soamente serán atendidas as solicitudes de forma completa.

Poderán admitirse transferencias entre importes dos obxectivos estratéxicos ata un máximo do 15 %, logo da comunicación á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e sempre que a entidade achegue a EDLP coas modificacións introducidas, de conformidade co establecido no artigo 20.2 da Orde do 10 de maio de 2022, pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria do ano 2022, para a selección de estratexias de desenvolvemento local participativo e grupos de acción local do sector pesqueiro, así como para a concesión da axuda preparatoria, no período de programación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 en Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 815537): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

 

Descargas: