AXUDAS PARA TITULARES DE TERREOS CINEXÉTICOS ORDENADOS, DESTINADOS Á CONSERVACIÓN DAS POBOACIÓNS DE CAZA MENOR. PRAZO: 05-03-2015

Data: 

venres, 6 Febreiro, 2015 - 00:00 a xoves, 5 Marzo, 2015 - 14:00

 

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 23 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para titulares de terreos cinexéticos ordenados, destinadas á conservación das poboacións de caza menor, e se convocan para o ano 2015.

Obxecto das axudas

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas destinadas a titulares de terreos cinexéticos ordenados para a recuperación das poboacións de perdiz rubia (Alectoris rufa) e coello de monte (Oryctolagus cuniculus).

2. Estas axudas tramitaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Entidades beneficiarias

1. Poderán acollerse a estas axudas tanto corporacións locais titulares de tecores coma institucións sen ánimo de lucro, igualmente titulares de tecores, ou as agrupacións destas, que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, fagan unha solicitude conxunta. Neste último caso os terreos cinexéticos deberán ser lindeiros e estar situados nunha mesma zona rural das recollidas no anexo VIII desta orde. Para cada corporación local ou institución sen ánimo de lucro, só será admisible unha única solicitude.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias das axudas previstas nesta orde as corporacións locais ou institucións sen ánimo de lucro en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Destino das axudas

1. Son actuacións subvencionables destas axudas:

a) O financiamento dos investimentos para a roza e trituración mecánica do mato, a emenda e/ou fertilización, sementeira de cereal e/ou leguminosa e para a limpeza e adecuación de fontes e mananciais, de acordo coas indicacións contidas no anexo II. As actuacións de mellora do hábitat non poderán afectar os hábitats prioritarios e deberán cumprir o establecido no artigo 60.3 da Lei 7/2012, de montes de Galicia. A actuación da sementeira estará condicionada a que o terreo sexa agrícola.
b) A construción das instalacións necesarias para a cría do coello de monte en semiliberdade, de acordo coas indicacións contidas no anexo II.Estas instalacións deberán cumprir as normas básicas do Real decreto 1547/2004, do 25 de xuño, polo que se establecen as normas de ordenación das explotacións cunícolas.
c) A construción de tobeiras artificiais por aquelas beneficiarias que teñan realizadas as instalacións mencionadas no parágrafo anterior, de acordo coas indicacións contidas no anexo II.

2. As actuacións non poderán afectar os hábitats prioritarios.

3. En ningún caso se subvencionarán actuacións realizadas con anterioridade á publicación desta orde.

Contía dos investimentos e das axudas

1. Establécense as seguintes contías do investimento subvencionable para cada unha das actuacións que se realicen:

a) Roza e trituración mecánica: 360 euros por hectárea.
b) Arada, emenda e/ou fertilización, sementeira: 600 euros por hectárea.
c) Limpeza e adecuación de fontes e mananciais: 50 euros/unidade.
d) Instalacións de cría de coello: ata un máximo de 18.000 euros por beneficiaria.
e) Construción de tobeiras: ata 6.000 euros por beneficiaria, cun límite de 1.500 euros por tobeira.

2. A porcentaxe da axuda poderá chegar ata o 50 % do custo dos investimentos, fixándose un máximo de 15.000 euros de axuda por solicitude.

3. O IVE non será subvencionable. Tampouco serán obxecto de subvención todos aqueles gastos que figuran no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia como non subvencionables.

4. Para os efectos do disposto no artigo 27.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, permitirase a subcontratación total da actividade obxecto da subvención, agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non achega valor engadido ao seu contido.

5. A contía das axudas estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

6. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

Prazo

O prazo para a súa presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

 

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon dog24.pdf1.09 MB