Data:
Consellería de Política Social e Igualdade
Orde do 21 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas co fin de realizar actuacións de rehabilitación e/ou equipamento de edificacións en vivendas dos concellos de Galicia destinadas á atención a persoas sen fogar para o período 2024-2025, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se efectúa a súa convocatoria para o período 2024-2025 (código de procedemento BS623E).
BDNS (Identif.): 771802.
Obxecto
A orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras, os requisitos e o procedemento para a concesión de axudas ás entidades locais de Galicia para a rehabilitación, adaptación e/ou equipamento de edificacións para vivendas que teñan as ditas entidades locais baixo a súa dispoñibilidade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante o período que vai desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 30 de novembro de 2025, así como efectuar a súa convocatoria. A finalidade é que se destinen á atención estable de persoas sen teito, e entrarán a formar parte da rede de vivendas incluídas no proxecto Na casa, recurso residencial de medio e longo prazo destinado a dar unha estabilidade ás persoas sen fogar, impulsado pola Consellería de Política Social e Igualdade.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan á súa disposición un inmoble que cumpra as condicións exixidas por esta convocatoria.
As entidades locais deberán estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia.
Importe
Para a concesión destas axudas destínase un crédito por un importe total de 5.754.195 euros, distribuído entre as anualidades 2024 e 2025, que se imputará á aplicación orzamentaria que se indica:
Aplicación orzamentaria | Proxecto | Ano 2024 | Ano 2025 | Total |
38 03 313C 7600 | 2021-00178 | 3.452.517 € | 2.301.678 € | 5.754.195 € |
O importe máximo que se poderá financiar será de 72.000 euros por cada proxecto e en ningún caso superará a subvención concedida o 100 % dos gastos subvencionables.
Accións e gastos subvencionables
1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de forma indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable e que se realicen no prazo establecido nestas bases.
2. Serán subvencionables a rehabilitación, a adaptación e/ou o equipamento de edificacións para vivendas localizadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que permitan dotar os inmobles de condicións adecuadas para converterse en recursos residenciais estables na atención ao senfogarismo e outras tipoloxías de exclusión residencial.
3. Concretamente, serán subvencionables as seguintes operacións:
a) Obras de rehabilitación, adaptación e/ou equipamento desenvolvidas polas entidades locais ás cales fai referencia o artigo terceiro en inmobles da súa propiedade ou sobre os cales esta teña un dereito de superficie, concesión administrativa, cesión ou dereito de explotación ou un contrato de arrendamento cunha vixencia mínima de 5 anos, contados desde a posta en marcha da infraestrutura. Estas obras deberán axustarse, en todo caso, á normativa específica de aplicación e aos permisos preceptivos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Adquisición e/ou mellora de bens de equipamento destinado á vivenda onde se localiza o recurso residencial preciso para o desenvolvemento da actividade: instalacións específicas para a actividade, mobiliario e/ou enxoval.
c) Gastos de honorarios profesionais derivados da elaboración de anteproxectos e/ou proxectos de obra, estudos de viabilidade, memorias técnicas relacionados coa actuación subvencionable.
d) Gastos de honorarios profesionais en concepto de dirección de obra e/ou de coordinación de seguridade e saúde relacionados coa actuación subvencionable.
4. Nos supostos das letras c), e d), o importe total dos gastos xerais non poderá superar, en todo caso, o 12 % do importe total da subvención finalmente concedida.
5. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable pola entidade solicitante.
6. Os gastos subvencionables deberán estar realizados a partir do 1 de xaneiro de 2024, con independencia de que as obras da vivenda comezasen con anterioridade, e estar efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación establecido no artigo 21, agás os impostos imputables á dita actuación devindicados con posterioridade á súa finalización e os gastos relacionados cos honorarios derivados da xustificación baixo a modalidade de conta xustificativa con achega de informe de auditoría, recollida no artigo 23.
7. Non serán subvencionables os gastos a que se refire o artigo 29.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, como non subvencionables. Tampouco o serán os gastos que non respecten as normas en materia ambiental que deriven da aplicación do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, de 18 de xuño, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088,especialmente os investimentos relacionados con combustibles fósiles, incluído o uso posterior destes.
8. Se na execución das obras que se van subvencionar for precisa, a sinatura de contratos, deberán rexerse polo disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro.
9. Cada entidade pode presentar varios proxectos a esta convocatoria.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Máis Información
-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 771802): https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/inicio
-Na Dirección Xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social e Igualdad: http://politicasocial.xunta.gal
-Na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal