BASES REGULADORAS DAS AXUDAS QUE SE TRAMITEN AO ABEIRO DA MEDIDA LEADER (SUBMEDIDAS 19.2 E 19.4). PDR DE GALICIA 2014-2020.

Data: 

xoves, 19 Xaneiro, 2017 (Todo o día) a mércores, 31 Maio, 2017 (Todo o día)

 

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2016 pola que se publica o Acordo do Consello de Dirección do 29 de decembro de 2016 polo que se aproban as bases reguladoras das axudas que se tramiten ao abeiro da medida Leader (submedidas 19.2 e 19.4), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Obxecto

O obxecto destas bases reguladoras é establecer as regras para a concesión e xustificación das axudas encadrables na submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme a Estratexia de desenvolvemento local participativo) do PDR de Galicia 2014-2020 que se tramiten en réxime de concorrencia competitiva, a través dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) seleccionados como entidades colaboradoras de Agader na xestión da medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020.

Tamén é obxecto destas bases reguladoras establecer o réxime de xustificación dos gastos en custos correntes e de funcionamento da Estratexia de desenvolvemento local (submedida 19.4A do PDR), así como establecer as bases reguladoras para a concesión e xustificación dos proxectos de animación promovidos polos GDR (submedida 19.4B do PDR).

O capítulo VII destas bases reguladoras (fichas de elixibilidade) detalla polo miúdo as especificidades propias de cada tipoloxía de operacións financiables.

Beneficiarios

1. Con carácter xeral, e tendo en conta as particularidades que se establecen nas fichas de elixibilidade incluídas no capítulo VII destas bases, poderán ser beneficiarios das axudas tramitadas ao abeiro deste réxime de axudas:

a) As persoas físicas ou xurídicas de carácter privado.

b) As entidades públicas de carácter local ou comarcal: concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores.

c) As comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.

2. Os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos nos parágrafos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG), e, en particular, non ter sido condenado mediante sentenza firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.

c) Cumprir os requisitos de pequena empresa, nos termos regulados no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea:

1º. Empregar menos de 50 persoas.

2º. Ter un volume de negocio anual ou un balance xeral anual que non supere os 10 millóns de euros.

Para a definición de empresa, así como para o seu cálculo dos efectivos e importes financeiros, tomarase en consideración o disposto no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

De ser o caso, a cualificación de pequena empresa tomará en consideración os datos das empresas asociadas e vinculadas para o cálculo de efectivos e importes financeiros, nos termos previstos no artigo 3 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Este requisito exceptúase para as entidades públicas locais, así como para os beneficiarios das axudas a proxectos non produtivos que sexan elixibles ao abeiro do disposto no capítulo VII destas bases (fichas de elixibilidade).

d) Cumprir os demais requisitos que, en función da tipoloxía de proxectos, se especifican nas fichas de elixibilidade do capítulo VII destas bases.

3. Cando o beneficiario sexa unha persoa xurídica, os membros asociados do beneficiario que se comprometan a efectuar, en nome e por conta deste, a totalidade ou parte das actividades que fundamenten a concesión da subvención, terán igualmente a consideración de beneficiarios da subvención, polo que tamén deberán cumprir e acreditar os requisitos exixidos para cada tipo de beneficiario.

4. Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia.

Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01). Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

Tampouco poderán ser beneficiarias de axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

Non poderán ser beneficiarias das axudas previstas nestas bases reguladoras as empresas que operen no sector da pesca, da acuicultura e/ou da transformación e comercialización de produtos pesqueiros.

Gastos subvencionables

Con carácter xeral, e tendo en conta as particularidades que se establecen nas fichas de elixibilidade incluídas no capítulo VII destas bases, poderán subvencionarse os gastos necesarios para cumprir coa finalidade do proxecto, sempre que o seu valor non exceda o do valor normal de mercado. En particular son subvencionables:

a) A construción, adquisición e mellora de inmobles que vaian ser utilizados en relación cos obxectivos do proxecto. No caso de adquisición de inmobles, a porcentaxe subvencionable non poderá superar o 50 % do total dos gastos subvencionables. Deberán cumprirse os condicionantes seguintes:

– Que se achegue un informe dun taxador independente, acreditado como tal, cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación.

– O ben inmoble non pode ter sido obxecto nos últimos 10 anos de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

– Os edificios quedarán afectos ao destino previsto durante un período non inferior a 5 anos ou o tempo que exixa a normativa sectorial.

– No caso de proxectos promovidos por entidades públicas locais ou comarcais ou polas súas entidades dependentes, os inmobles non poderán usarse para albergar servizos de caracter meramente administrativo. Terán esta consideración os servizos consistentes na tramitación administrativa ordinaria dos asuntos cuxa competencia é propia das entidades recollidas neste punto e que se recollen na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

– Non será subvencionable a compra de inmobles que vaian ser derrubados nin a compra de inmobles a familiares de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, ou a socios da entidade beneficiaria do proxecto.

b) A adquisición de terreos ata o límite do 10 % do total dos gastos subvencionables. Deberán cumprirse os condicionantes seguintes:

– Que se achegue un informe dun taxador independente cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado.

– Que exista unha relación directa entre a compra e os obxectivos da operación.

– Que non estean edificados ou estean con construcións que deban derrubarse como medio para o desenvolvemento e execución da operación subvencionable.

c) A adquisición de maquinaria e equipamento novos.

Tamén poderán ser subvencionables os gastos en arrendamentos financeiros con opción de compra de adquisición de activos subvencionables, incluído o valor da opción de compra, excepto a marxe do arrendador, xuros dos custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros, polo período de vida útil do activo e sen superar o custo de mercado ou a parte proporcional se o contrato finaliza antes. Unicamente serán subvencionables os pagamentos aboados polo arrendatario ao arrendador dentro do período de subvencionabilidade dos gastos en casos nos que se exerza o dereito á opción de compra dentro deste período. Para estes efectos, considérase que o período de subvencionabilidade dos gastos finaliza o día que remata o prazo de execución e xustificación da operación subvencionada.

d) Investimentos intanxibles como a adquisición e o desenvolvemento de programas informáticos, así como a creación de páxinas web, estudos e publicacións.

e) Custos xerais vinculados aos gastos de investimento, tales como honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, honorarios relativos ao asesoramento sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade. Os custos xerais descritos nesta epígrafe non poderán superar o 12 % do custo total subvencionable das operacións de investimento a que estean vinculados.

f) Gastos notariais e rexistrais derivados do inicio da actividade prevista no proxecto, así como a adquisición de patentes e licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas.

A suma dos gastos sinalados nesta epígrafe xunto coa suma dos gastos en custos xerais sinalados na epígrafe anterior non poderá superar o 20 % do conxunto dos gastos subvencionables do proxecto.

g) Medios e equipos de transporte.

1. En proxectos de natureza produtiva, nos seguintes termos:

– Adquisición de vehículos de transporte afectos en exclusiva a actividades empresariais ou profesionais, segundo se define na normativa tributaria vixente, en proxectos que dean lugar ao inicio dunha actividade económica.

– Gastos derivados da adecuación de vehículos de transporte de mercadorías para o desenvolvemento da actividade, sempre que non estean obrigados legalmente a esa adecuación unha vez iniciada a actividade.

En ningún caso se subvencionará a adquisición e/ou adecuación de vehículos no sector do transporte. Para estes efectos, enténdese que operan no sector do transporte as empresas que se dediquen ao transporte de pasaxeiros aéreo, marítimo, por estrada ou ferrocarril e por vía navegable; ou aos servizos de transporte de mercadorías por conta allea. Para determinar se a empresa opera no sector do transporte, atenderase ao disposto nas epígrafes da clasificación nacional de actividades económicas (CNAE), onde a dita empresa teña encadrada a súa actividade ou actividades profesionais.

2. En proxectos de natureza non produtiva poderán subvencionarse os gastos de adquisición ou da adecuación de vehículos de transporte que estean asociados á prestación de servizos sociais básicos como a atención a persoas maiores, a persoas dependentes ou a persoas con mobilidade reducida, sempre que non estean obrigados legalmente a esa adecuación unha vez iniciada a actividade.

Terán a consideración de proxectos non produtivos os definidos no artigo 55 (ficha de elixibilidade VI) destas bases reguladoras.

Calendario de xestión

1. Para a xestión da Estratexia de desenvolvemento local teranse en conta as seguintes datas:

a) Data inicial de admisión de solicitudes: para a submedida 19.2, desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria de Agader. Para a animación da submedida 19.4, desde o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras.

b) Data final de admisión de solicitudes para a primeira proposta anual de selección de proxectos: 31 de marzo de cada ano.

c) Data final de admisión de solicitudes para a segunda proposta anual de selección de proxectos: 31 de maio de cada ano.

d) Data final para a primeira proposta anual de selección de proxectos: 30 de xuño de cada ano.

e) Data final para a segunda proposta anual de selección de proxectos: 31 de agosto de cada ano.

f) Data final de pagamento dos investimentos ou gastos subvencionables polos promotores aos seus provedores: 15 de outubro de cada ano.

g) Data final de xustificación de investimentos: 15 de outubro de cada ano.

h) Data final de concesión de axudas: 30 de setembro de 2020.

i) Data final de pagamentos aos titulares de proxectos da totalidade da axuda certificada: 30 de novembro de 2020.

2. O director xeral de Agader, en previsión dunha ordenada xestión, execución e peche da medida Leader do PDR, poderá variar as datas sinaladas, así como fixar outras para adecuar o ritmo de execución de proxectos á proximidade das datas límite sinaladas.

 

Descargas: 

galer_a_fotos