"Cambia de Bando" chega a Sanxenxo

Data: 

xoves, 8 Maio, 2025 (Todo o día)

Sanxenxo, 8 de maio de 2025.-  Sanxenxo acolleu unha nova iniciativa do proxecto "Cambia de Bando", posto en marcha pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Dende a colaboración cos concellos, este proxecto promove a igualdade de xénero e a loita contra o machismo a través da sensibilización e a educación dirixida á mocidade.

Nesta ocasión, e coa colaboración da Concellería de Educación de Sanxenxo, dezaoito mozos e mozas de entre catorce e dezaoito anos do IES Sanxenxo, en Portonovo, participaron na actividade que foi desenvolta polo Centro de Información ás Mulleres (CIM) local. Dende a FEGAMP quérese salientar a implicación e interese do Concello de Sanxenxo nesta iniciativa.

A actividade comezou coa realización do cuestionario online "Canto machismo tes" co que dende a FEGAMP estase a recoller a mostra necesaria para poder realizar un estudio sobre a perecepción do machismo e da igualdade dos mozos e mozas, e despois se traballaron en grupo cuestións vencelladas cos micromachismos cotiáns, co apoio de videos e outros materiais.

En breve se coñecerá cal será o concello no que se desenvolverá a vindeira actividade de "Cambia de Bando".