"Cambia de Bando" ponse en marcha en Ames

Data: 

sábado, 26 Abril, 2025 (Todo o día)

Bertamiráns (Ames), 26 de abril de 2025.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou a primeira actividade da súa iniciativa "Cambia de Bando" no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns (Ames).

En colaboración co Concello de Ames, a través da súa Concellería de Mocidade e do seu Club Xuvenil, a actividade contou coa participación dun grupo de mozas e mozos de entre 14 e 18 anos, e foi dinamizado por dúas monitoras do propio Club Xuvenil. Dende a FEGAMP quérese salientar a implicación e interese do Concello de Ames nesta iniciativa.

Durante a actividade o grupo de mozas e mozos tivo unha actitude moi participativa, interactuando coas monitoras coa información e videos que achegaron para o desenvolvemento da actividade, así como coas dinámicas empregadas.

A parte central da actividade foi a realización do cuestionario "Canto machismo teño" que as mozas e mozos participantes o responderon dende o seu propio teléfono móbil, pudendo coñecer as principais conclusións anónimas das respostas e avalialas.

Pola banda da FEGAMP se recopilan esas respostas, xunto coas de vindeiras actividades, como a que se vai celebrar en Sanxenxo o xoves 8 de maio, para poder ata finais de ano, para poder realizar un análise da percepción do machismo e da igualdade dos mozos e mozas nunha franxa de idade tan importante para a adopción de iniciativas sensibilizadoras.

"Cambia de Bando" é unha iniciativa da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) que nace co obxectivo de promover a igualdade de xénero e loitar contra o machismo a través da sensibilización e a educación. Dirixida á mocidade, busca poñer en cuestión estereotipos, prexuízos e condutas normalizadas que perpetúan a desigualdade, convidando a reflexionar e a dar un paso ao cambio dende accións interactivas, recursos educativos e ferramentas innovadoras.