Data:

Santiago de Compstela, 10 de xuño de 2025.- O presidente da Federación Galega de Municipios de Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, reuniuse co conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, na que abordaron a colaboración na posta en marcha da futura Rede de concellos contra o acoso escolar co fin de previr este tipo de situacións.
Á reunión tamén asistiron os vicepresidentes da FEGAMP Ángel Moldes, vicepresidente primeiro e alcalde de Poio; Secundino García, vicepresidente segundo e alcalde de San Sadurniño; e María Barral, vicepresidenta executiva e alcaldesa de Betanzos: Pola banda da Consellería tamén participou a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, ademais da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.
Ao abeiro do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar, se crea esta Rede de concellos que permitirá articular recursos, compartir boas prácticas e ofrecer un apoio coordinado tanto aos centros educativos como ás familias e ao alumnado, garantindo unha intervención máis rápida e efectiva.
Esta estrutura de apoio territorial fai especial fincapé na prevención co fin de garantir o benestar e o desenvolvemento integral do alumnado galego nun clima de convivencia positiva. A súa actuación centrarase en catro eixos principais que son a sensibilización, con campañas para xerar conciencia sobre as consecuencias do acoso; a prevención, promovendo espazos onde o respecto, a inclusión e a empatía sexan os piares da convivencia diaria; a formación axeitada dos profesionais que traballan cos rapaces para que saiban detectar sinais temperás de acoso, e a denuncia a través de ferramentas áxiles e sinxelas como poden ser os puntos laranxa que xa están nos centros educativos e que se instalarán tamén naqueles concellos que o soliciten.