A Comisión de Seguimento dos GES forma un grupo de traballo para resolver melloras no convenio 2016-2018

Data: 

martes, 23 Febreiro, 2016 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios, as catro Deputacións Provinciais e a Xunta de Galicia celebraron a primeira Comisión de Seguimento do convenio dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais 2016-2018. Entre as principais cuestións da orde do día, os asistentes aprobaron a constitución dun grupo de traballo de perfil máis técnico, que será o encargado de seguir máis de preto as posibles incidencias que xurdan e aplicar as melloras acordadas na Comisión. Neste equipo de traballo estarán presentes un técnico da Fegamp, un representante da Dirección Xeral de Administración Local, un membro da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, un representante da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, ademais dun voceiro de cada unha das Deputacións galegas.

Na reunión, a Comisión de Seguimento tamén tratou a situación laboral dos efectivos integrantes do GES nos seus diferentes concellos e a formación deste persoal para abordar a problemática da vespa velutina.

Cadro de persoal dos GES

Seguindo as recomendacións da Fegamp, a maioría dos concellos que contan con Grupos de Emerxencia Supramunicipais optaron por darlle continuidade aos cadros de persoal cos que contaban no anterior convenio. Porén, na reunión informouse de cinco situacións excepcionais: os concellos de Avión e Muíños, que ampliarán o seu número de traballadores (de 6 a 9); A Fonsagrada e Guitiriz, que decidiron dar de baixa ao actual cadro e sacarán as prazas a concurso público; e Laza, municipio de nova incorporación aos GES, que fará tamén un concurso de contratación.

Ademais, na xuntanza púxose de manifesto a necesidade da posta en marcha de diferentes cursos de formación para instruír aos efectivos dos GES sobre a erradicación dos niños da avespa velutina, unha problemática crecente en Galicia.

Nas vindeiras semanas, a Fegamp reunirase coa Xunta de Galicia, para buscar posibles solucións, debido ao elevado número de consultas e peticións que recibiu o organismo municipalista de diferentes concellos que sofren a praga.

Prevención de incendios, calendario de xuntanzas e financiamento

Respecto a prevención dos lumes forestais, abordouse na Comisión de Seguimento a intención por parte do Director Xeral de Ordenación e Produción Forestal de levar adiante unha serie de reunións nos distritos forestais, que contarán con representación da Fegamp e das entidades locais.

Tamén se fixou o calendario de xuntanzas da Comisión de Seguimento para os vindeiros meses. A maiores abordouse o tema do financiamento dos GES, coa boa disposición por parte das Deputacións Provinciais de aumentar a súa porcentaxe nas partidas orzamentarias. A Dirección Xeral de Administración Local convocará á Fegamp en datas próximas para explorar novas vías de financiamento.

A día de hoxe hai en Galicia 32 Grupos de Emerxencia Municipais que dan servizo ás seguintes entidades locais: Ortigueira, Ponteceso, Muros, Mugardos, Curtis, Padrón, Brión, A Fonsagrada, Guitiriz, Becerreá, A Pontenova, Quiroga, Folgoso, Monterroso, Cervo, Castro Caldelas, A Gudiña, Laza, Lobios, Muíños, Ribadavia, Avión, O Barco de Valdeorras, Pereiro de Aguiar, Mancomunidade Val Miñor, A Guarda, Valga, A Estrada, Lalín, Mancomunidade Terra de Celanova, Sanxenxo, Ponteareas.