Compromiso do municipalismo galego cara a acadar a igualdade na vida política e social local para que mulleres e nenas sexan protagonistas do seu propio presente

Data: 

sábado, 8 Marzo, 2025 (Todo o día)

A FEGAMP presenta a Declaración institucional con motivo do 8 de Marzo 2025 baixo o lema “Dereitos, Igualdade e Empoderamento. Para todas as mulleres e nenas en toda a súa diversidade”.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2025.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) presenta a Declaración institucional con motivo do 8 de Marzo 2025 na que se reafirma “o compromiso do municipalismo cos dereitos das mulleres, cara acadar a igualdade de xénero en todos os espazos da vida política e social local dende o pulo de medidas concretas que reforcen os dereitos,  para que mulleres e nenas sexan protagonistas do seu propio presente”. 

Baixo a lema “Dereitos, Igualdade e Apoderamento. Para todas as mulleres e nenas”, promovido desde ONU – Mulleres, se quere chamar á acción “para acadar a igualdade de dereitos e oportunidades para todas as mulleres”, coincidindo co 30º aniversario da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, na que se “sentaron as bases para o avance dos dereitos das mulleres e nenas en todo o mundo, desde a intervención as políticas, os programas e o investimento que teñen efecto na educación, a saúde, a paz, os medios, a participación política, o apoderamento económico e a eliminación da violencia que aínda padecen”.

Aínda así, trinta anos despois “segue sendo necesario reforzar a nivel global e local a aplicación de medidas no fomento dos dereitos das mulleres e nenas fronte a toda forma de violencia, discriminación e explotación; na promoción da igualdade de xénero elevando as voces das mulleres e nenas para acabar coas desigualdades, e no impulso do apoderamento garantindo o acceso inclusivo de mulleres e nenas á educación, o emprego, o liderado e os espazos de toma de decisións.

O municipalismo galego é consciente da necesidade de seguir avanzando “na representación paritaria de mulleres e homes nas entidades locais” para conseguir superar nos trescentos trece concellos galegos o 40% de alcaldesas, estando neste período no 22% de alcaldesas.  

Por iso, as entidades locais galegas, representadas na FEGAMP, seguen comprometidas coa “promoción da participación activa das mulleres na vida política e social local; incorporación da perspectiva de xénero en todas as políticas e programas locais; aplicación de medidas para garantir a igualdade salarial e de oportunidades no emprego; atención específica ás nenas e ás mulleres novas; ás mulleres do medio rural, e ás mulleres con discapacidade; pulo de campañas de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero.”

A declaración remata co compromiso da “colaboración e coordinación das administracións locais, pola súa proximidade á  cidadanía, coas administracións autonómica e estatal para prestar os servizos de calidade que permitan conseguir  cidades e vilas libres de violencias machistas, onde a autonomía e independencia das mulleres sexa unha realidade presente”.