Data:
A FEGAMP e o COTSG avaliaron a situación dos servizos sociais na xuntanza mantida hoxe
Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2024.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e o Colexio Oficial do Traballo Social de Galicia (COTSG) mantiveron hoxe unha xuntanza na que se avaliou en profundidade a situación na que se están a desenvolver os servizos sociais en Galicia.
Esta é a terceira xuntanza que ambas organizacións manteñen neste período, e asistiron o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, xunto cos vicepresidentes Héctor Corujo, Secundino García e María Barral. Polo COTSG asistiu unha delegación encabezada pola súa presidenta, Miriam Rodríguez, quen achegou un panorama dos servizos sociais insostible de manter por máis tempo nas actuais condicións.
A presidenta do COTSG denunciou a constante sobrecarga que están a padecer ás áreas de servizos sociais, como recentemente aconteceu co “Bono Coidado” promovido pola Xunta de Galicia. Ademais, teñen que facerse cargo da atención en servizos tan importantes como a dependencia, a xestión do IMV e do RISGA, os temas de vivenda, dos menores, entre outros moitos.
A atención destes servizos require moito persoal que estas áreas non dispoñen, xa que ademais da atención se teñen que realizar os informes necesarios para poder xestionar as solicitudes.
Para o COTSG é imposible poder desenvolver así o seu labor, polo que esixen financiamento dabondo para incorporar todo o persoal preciso, xa que só desta maneira será posible poder cumprir as ratios de persoal e delimitar funcións. Tamén as traballadoras e traballadores dos servizos sociais poderán cumprir coa xornada laboral que lles corresponde, sendo evidente que agora están a traballar moitas máis horas das legais.
Dende o COTSG quérese denunciar a imposibilidade real de poder acollerse a baixas laborais por incapacidades temporais pola falla de persoal, o que está a agudizar o empeoramento da situación do persoal dos servizos sociais. Por último, salientan a necesidade dunha Mesa de Coordinación de Servizos Sociais de Galicia, na que xestionar e dar resposta ás necesidades destes servizos.
Pola súa banda, o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, achegou o apoio as denuncias e as propostas sinaladas, na liña de poder mellorar a situación de financiamento destes servizos por parte das administracións competentes.
De feito, a propia FEGAMP xa achegou a necesidade dunha Mesa como a proposta na Axenda Social Única, aínda por desenvolver.
Alberto Varela sinalou que “os concellos galegos asumiron practicamente todo o financiamento das prestacións sociais básicas do Plan Concertado de Prestacións Sociais Básicas, estando a porcentaxe de financiamento dos municipios no 87%, 14 puntos máis que hai 13 anos, e 30 puntos por riba da porcentaxe de financiamento medio estatal”.
O presidente da FEGAMP confirmou que “as necesidades seguiron a medrar no ámbito galego cunha estrutura poboacional cada vez máis envellecida e unha enorme dispersión territorial”. E nese contexto, a cantidade destinada para o ano 2024 polo Estado e pola Xunta é menor que en 2007, unha redución do financiamento das administracións autonómica e estatal inversamente proporcional ás cargas impostas.
“O modelo de financiamento estatal data do 2004; o modelo de financiamento autonómico galego para os concellos que non resolve o financiamento estrutural de competencias exclusivas autonómicas derivadas nos concellos; o modelo de financiamento dos servizos sociais reducido nos últimos anos. Con estas premisas é imposible soster a terceira pata fundamental do estado de benestar, que só está a sosterse en Galicia polo gran esforzo dos concellos e das súas traballadoras e traballadores”, rematou Alberto Varela.