CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E A FEGAMP PARA O DESENVOLVEMENTO DA REDE DE CONCELLOS CONTRA O ACOSO ESCOLAR

Data: 

mércores, 11 Marzo, 2026 (Todo o día)

 

O presente convenio ten por obxecto establecer o marco de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para o desenvolvemento da Rede de Concellos contra o acoso escolar.

Este convenio establece os mecanismos para consolidar unha rede de apoio territorial que non só interveña ante situacións de acoso escolar, senón que actúe de forma preventiva para garantir o benestar e desenvolvemento integral do alumnado galego nun clima de convivencia positiva.

Esta rede terá os seguintes obxectivos:

1) Fortalecer a coordinación entre institucións e entidades locais para previr, detectar e abordar de forma eficaz os casos de acoso e ciberacoso no ámbito escolar.

2) Establecer un seguimento sistemático e continuado dos posibles casos, incorporando unha perspectiva territorial que garanta a implicación activa de todos os actores responsables a nivel local.

3) Ofrecer apoio estruturado e colaborativo aos centros educativos na xestión de situacións de acoso e ciberacoso, favorecendo respostas áxiles, integradas e adaptadas a cada contexto.

4) Promover a prevención como eixo central da intervención, impulsando unha cultura de convivencia positiva, respecto e tolerancia cero cara a calquera forma de violencia.

5) Fomentar a formación continua e especializada dos axentes implicados, co fin de dotalos de ferramentas actualizadas e criterios comúns de actuación.

6) Deseñar e implementar programas específicos e contextualizados, que respondan as características e necesidades particulares de cada contorna local.

7) Reducir a incidencia de casos que requiran a activación do protocolo de acoso escolar, mediante estratexias de detección tempera e unha intervención preventiva ben coordinada.

PARA FORMALIZAR A ADHESIÓN: deben cubrir o modelo de adhesión que poden descargar a continuación e unha vez asinado remitilo á FEGAMP, por correo electrónico (rexistro@fegamp.gal) ou presentándoo na nosa sede electrónica como instancia xeral.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon Texto do convenio2.66 MB
Microsoft Office document icon Modelo de adhesión 300.5 KB