CONVENIO MARCO DE COLABORACIÓN ENTRE A FEGAMP E A CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE SOBRE O USO, POR CONCELLOS GALEGOS, DE INSTALACIÓNS DEPORTIVAS DE TITULARIDADE DA CONSELLERÍA

O obxecto deste convenio é articular as bases de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), para que as instalacións deportivas titularidade da Consellería, situadas nas inmediacións dos Institutos de Ensinanza Secundaria (IES), poidan ser empregadas polos concellos galegos, fóra do horario e actividades docentes, para fins de carácter educativo, deportivo e cultural.

Este acordo ten a natureza de convenio marco de colaboración que contén acordos susceptibles de xerar obrigas xurídicas entre as partes que o subscriben, e que esixe, para a súa efectividade o desenvolvemento mediante formalización de convenios específicos nos que se concretan as ditas obrigas que deberán respectar o contido e límites fixados neste convenio.

En todo caso, considéranse actividades non permitidas e, en consecuencia, exclúense do ámbito de aplicación deste convenio marco de colaboración:

1.- Actividades, de calquera tipo, promovidas por partidos políticos, sindicatos, ou calquera outra asociación de obxecto distinto ao educativo, deportivo e cultural.

2.- Actividades propias do comercio que esixan unha contraprestación económica polo acceso ás instalacións.

3.- Actividades de promoción, feiras ou eventos nos que se permita o consumo ou comercialización de produtos prohibidos pola lexislación vixente en materia de alimentación e saúde pública.

Permitirase a realización das actividades que sexan previamente autorizadas polas correspondentes Xuntas Electorais. Está expresamente prohibido o uso das instalacións para o desenvolvemento de mitins políticos ou calquera outra actividade de promoción ou campaña política, sen a devandita autorización.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon Texto do convenio410 KB