Dano Cerebral Galicia e FEGAMP exploran vías de colaboración para avanzar cara a concellos máis accesibles

Data: 

martes, 28 Xullo, 2026 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2026.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, reuniuse co presidente da asociación Dano Cerebral Galicia, Luciano Fernández. Na reunión tamén participaron a directora da asociación, Leticia Vila, e a secretaria xeral da FEGAMP, Patricia Vilán.

As persoas responsables da asociación presentaron a súa iniciativa "Folla de Ruta para Concellos Inclusivos #PoloDanoCerebral", que recolle propostas concretas para avanzar cara a municipios máis accesibles, inclusivos e comprometidos cos dereitos das persoas con dano cerebral adquirido e das súas familias.

Destacaron que dende esta iniciativa se formulan medidas realistas e asumibles dentro das competencias municipais, que inciden en ámbitos como a accesibilidade universal, a mobilidade, os servizos sociais, o emprego inclusivo, a cultura e a participación cidadá. Por este motivo, consideraron á FEGAMP como un aliado estratéxico para favorecer o coñecemento e a difusión destas propostas entre os concellos galegos.

Na reunión analizáronse posibles vías de colaboración ao respecto que se concretarán proximamente, compartindo a idea de que a cooperación entre as entidades representativas da discapacidade e o municipalismo galego é fundamental para construír comunidades máis inclusivas, accesibles e cohesionadas.