Declaración Institucional 25-N 2025: Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Data: 

martes, 25 Novembro, 2025 (Todo o día)
Post_IG+TW+FB

 

Dende o rexeitamento e condena unánime á violencia machista que sofren as mulleres, o municipalismo galego conmemora este 25 de novembro lembrando ás tres irmás activistas da República Dominicana, asasinadas e inspiradoras desta data internacional. Facémolo nas portas dos nosos Concellos e Deputacións, pero tamén nas rúas, nas prazas, nos centros educativos e nos lugares de traballo.

Os concellos e deputacións galegas somos conscientes da urxencia de erradicar unha violencia que, polo feito de ser mulleres, continúa a ser estrutural na nosa sociedade. Reafirmamos o noso compromiso firme e irrenunciable para poñer fin á violencia contra as mulleres.

Como recolle o Convenio do Consello de Europa —Convenio de Istambul—, “a natureza estrutural da violencia contra as mulleres está baseada no xénero, e constitúe un dos mecanismos polos que se mantén ás mulleres nunha posición de subordinación respecto dos homes”. Este ano cúmprense 30 anos da IV Conferencia Mundial sobre a Muller (Pekín, 1995), un fito histórico na defensa da igualdade. Alí, 30.000 persoas e representantes de 189 gobernos afirmaron que a violencia de xénero nace de pautas culturais que perpetúan a inferioridade das mulleres e que a súa erradicación é esencial para a igualdade, o desenvolvemento e a paz.

En 2025, 32 mulleres foron asasinadas no Estado polas súas parellas, dúas delas en Galicia. Ademais, tres menores foron asasinados en contextos de violencia de xénero, sumando xa 65 dende 2003. O último informe do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial advirte dun incremento do 5 % nas denuncias en Galicia respecto ao ano anterior.

Por todo isto, hoxe e cada día do ano, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) manifesta a súa máis rotunda condena ante todas as formas de violencia contra as mulleres. Condenamos cada acto, a cada agresor, e tamén a quen nega, minimiza ou xustifica a existencia desta violencia. O negacionismo non só fere a memoria das vítimas, senón que desprotexe ás que sofren e debilita o compromiso social necesario para combatela. Negar ou relativizar a violencia machista é contribuír á súa persistencia, e fronte a iso as institucións galegas deben manterse firmes, unidas e comprometidas.

Sabemos que a desigualdade estrutural segue presente nas vidas das mulleres. Os estereotipos e patróns de xénero continúan nos ámbitos da economía, da cultura, da política e do deporte, atacando o corazón mesmo da liberdade e da democracia. A súa expresión máis cruel é a violencia de xénero, alicerzada nun sistema patriarcal que perpetúa o control e a desigualdade.

Debemos erguer a voz por aquelas mulleres que atopan máis barreiras para acceder á información e á protección: mulleres con discapacidade, maiores, migrantes ou que non dominan as nosas linguas. Seguiremos traballando para garantir os seus dereitos con servizos e recursos adecuados, en condicións de plena igualdade.

En Galicia, alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras, así como todo o persoal municipal, póñense a carón das vítimas e das súas familias para dicirlles que non permitirán que se vulnere o principio de igualdade nin se normalice esta violencia, un crime contra os dereitos humanos que nos empobrece como sociedade.

Contamos cun amplo marco legal, xudicial e de protección —a Lei Orgánica 1/2004, a Lei galega 11/2007 e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero— que debemos seguir reforzando tamén dende o ámbito local.

Finalmente, a FEGAMP quere recoñecer o compromiso da cidadanía galega na loita contra a violencia machista, animando a actuar con unidade e a rexeitar con firmeza os comportamentos violentos e a quen os ampara. Ás mulleres dicímoslles, con toda convicción: hai saída, e non están soas. Nin hoxe, nin nunca.

Descargas: