Data:
Santiago de Compostela, a 12 de novembro de 2024.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) na Xunta de Voceiros e Voceiras celebrada hoxe aprobou a Declaración Institucional: 25 de Novembro de 2024. Día Internacional para a eliminación da violencia contra as Mulleres.
Desgraciadamente, a conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as Mulleres está marcada polo asasinato de Estela Blach o pasado venres en Baiona a mans da súa ex-parella. Por este motivo, a declaración institucional da FEGAMP comeza condenando “este novo crime” e achegando “o noso apoio e solidariedade á familia da vítima, ao tempo que confiamos en que o asasino sexa detido e xulgado o máis cedo posible.”
Na declaración a FEGAMP sinala que concellos e deputacións “reafirmamos o noso compromiso para poñer fin á violencia contra as mulleres, sendo un obxectivo irrenunciable e prioritario”, que se teñen que “transformar as estruturas que seguen a manter o machismo e a desigualdade dende discursos e acción negacionistas”, e que “a pesares dos avances, é evidente o moito que queda aínda por facer.”
Para a FEGAMP “teñen que reforzarse a condena da violencia machista en todas as súas manifestacións e o traballo colectivo na construción dun presente no que ningunha muller sexa vítima desta violencia”, e confirma que “1.284 mulleres asasinadas por homes que eran, ou foron, as súas parellas dende 2023” das que “40 mulleres asasinadas no que vai de ano 2024” e sendo “máis de 95.000 denuncias presentadas por mulleres vítimas de violencia machista”.
“Unha sociedade democrática e de Dereito debe ser incompatible cunha situación de criminalidade constante contra as mulleres” salienta a FEGAMP que, dentro da violencia contra as mulleres, tamén sinala “violencia económica que priva ás mulleres da súa independencia económica ao ter que depender de quen as maltrata; violencia vicaria na que fillos e fillas tamén son vítimas para facer aínda máis dano ás súas nais; violencia dixital das ameazas, acoso e chantaxe na contorna virtual, ademais da cousificación das mulleres na pornografía, á que se accede de xeito xeneralizado dende móbiles, tablets e ordenadores; prostitución pola que mulleres son obrigadas a ser escravas sexuais.”
A FEGAMP apela a “todas as administracións, dende o Goberno de España, a Xunta de Galicia, os concellos e as deputacións, temos que seguir a promover avances na loita contra a violencia machista e a protección das vítimas, incidindo na prevención” dende “máis coordinación entre as administracións para que as mulleres vítimas reciban a atención e apoio integral, especializado e que cubra todas as súas necesidades.”
Remata a declaración da FEGAMP facendo un “chamamento para que se denuncien todas as formas de violencia contra as mulleres” e que se acaben os “silencios cómplices”, polo que “xa é tempo de que a vergoña, que ata agora recaía sobre as vítimas que sofren a violencia, cambie de bando e recaia sobre os agresores.”