Data:
Santiago de Compostela, a 12 de novembro de 2024.- A Xunta de Voceiros e Voceiras da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) aprobou esta declaración institucional, na que se salienta que “a consternación continúa nas entidades locais galegas pola catástrofe provocada nas provincias de Albacete, Cuenca, Málaga e, sobre todo, Valencia, pola recente Depresión Illada en Niveis Altos – DINA (DANA en castelán).”
Na súa declaración a FEGAMP sinala que “fronte a esa inmensa situación de emerxencia, na primeira liña de intervención no rescate e auxilio das vítimas estiveron os servizos de protección civil e emerxencias, as forzas e corpos de seguridade do Estado e os propios concellos afectados, como administración máis próxima, tentando evitar unha desgracia aínda maior” e destaca “o compromiso solidario e voluntario de todas as persoas que tamén, dende o primeiro momento, están a achegar a súa colaboración en todas as tarefas de limpeza e apoio á veciñanza afectada.“
A FEGAMP relata que “dende que se tiveron as primeiras informacións da catástrofe, se contactou coas federacións homólogas da Comunitat Valenciana e de Castilla La Mancha, para achegarlles a nosa solidariedade e poñernos á súa disposición no que puideramos colaborar” así como “se contactou coa FEMP para coordinar a información e as comunicacións aos concellos e deputacións galegas sobre as necesidades de apoio que se estaban a solicitar dende as institucións e os concellos afectados.”
De igual xeito en Galicia, a FEGAMP se coordinou “coa Delegación do Goberno e coa Xunta de Galicia” priorizando “recadar todo o apoio posible, tanto de persoal como de recursos materiais e loxísticos, dos concellos e deputacións con servizos de emerxencias e grupos de emerxencias supramunicipais (GES)” ao tempo que “os concellos e as deputacións galegas promoveron a recollida solidaria de alimentos, roupa, materiais de limpeza persoal e doméstica, cuxo envío ás zonas afectadas está tamén a ser coordinado coa Federación Valenciana de Municipios y Provincias (FVMP).”
A FEGAMP confirma que “o municipalismo galego vai manter o seu apoio aos concellos afectados e ás súas veciñanzas” destacando a “unidade de todos e todas diante desta catástrofe, avaliando o traballo dos servizos de Protección Civil e Emerxencias, das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e da Unidade Militar de Emerxencias” e tamén do “persoal de emerxencias desprazado dende Galicia.”