DECRETO 120/2016, do 1 de setembro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de agosto do ano 2016.

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza 

DECRETO 120/2016, do 1 de setembro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de agosto do ano 2016.

Ámbito de aplicación

As axudas previstas neste decreto aplicaranse á reparación dos danos orixinados polos incendios acontecidos durante o mes de agosto de 2016 no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos e nas contías máximas que se establezan nel, así como nas correspondentes convocatorias que o apliquen, e preferentemente nos termos municipais e núcleos de poboación indicados no anexo deste decreto.

Natureza das axudas

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, de que poidan ser beneficiarios os afectados.

2. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas neste decreto concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido ou da contía ou porcentaxe deste que se fixe nas correspondentes convocatorias.

Beneficiarios

1. Poderán solicitar as axudas, nos termos que se establezan neste decreto e nas convocatorias que se aproben, os seguintes beneficiarios:

a) As persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas que sufrisen danos que afecten tanto o inmoble como o enxoval.

b) Os titulares dos establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos en que se producisen danos derivados directamente dos incendios.

c) Os titulares de explotacións forestais, agrícolas e gandeiras, polos danos e perdas derivados directamente dos incendios, así como os titulares de maquinaria afectada por incendios forestais.

d) As entidades locais, para facer fronte aos gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e aos danos causados nos bens e dereitos de titularidade municipal polos incendios.

2. Os prazos para a presentación de solicitudes determinaranse nas disposicións que se diten en desenvolvemento deste decreto.

 

-Axudas por danos persoais

As axudas por danos persoais concederanse por falecemento, por incapacidade absoluta permanente e por lesións que causasen a hospitalización da persoa ferida cando o feito causante teña a súa orixe nos acontecementos obxecto de regulación neste decreto.

O importe desta axuda será para o caso de falecemento e incapacidade permanente absoluta de 18.000 euros, e de entre 60 e 103 euros por día de hospitalización, sen que en ningún caso se poidan superar as contías que resultan de aplicar o sistema para a valoración dos danos e perdas causados ás persoas en accidentes de circulación, recollido no texto refundido da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2004, do 29 de outubro.

-Axudas para reposición de infraestruturas e equipamentos privados danados

1. Será obxecto de axuda a reparación dos danos causados polos incendios nas seguintes infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais:

a) Pistas forestais.

b) Captacións de auga.

c) Cerramentos e os seus complementos.

d) Bebedoiros.

e) Comedeiros.

2. Así mesmo, será obxecto de axuda a reparación dos danos causados na maquinaria e equipamento agrícola ou forestal ocasionados en tarefas de colaboración nos labores de extinción de incendios forestais, na medida en que non fose cuberta pola Administración xeral do Estado.

3. Poderán ser obxecto tamén de axuda aquelas plantacións privadas nas condicións que se establezan, así como aqueles amoreamentos de madeira cortada afectada polos incendios forestais.

-Axudas por danos causados en vivendas e enxoval doméstico

1. Serán obxecto de axuda os danos causados polos incendios sinalados anteriormente na vivenda que constitúa a residencia permanente e habitual dos seus moradores e nas súas instalacións complementarias, na parte non comprendida tanto polas axudas que aproben outras administracións públicas como por calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarios os afectados, e polo importe correspondente ata cubrir como máximo o 100 % do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda, en conxunto, poida superar o límite do 75 % do prezo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral na mesma localidade.

2. Serán obxecto de axuda os danos causados no resto das vivendas ata acadar o 40 % do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o 40 % do 75 % do prezo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral na mesma localidade. As vivendas deberán dedicarse, polo menos, a vivenda ocasional, e quedan excluídas destas axudas as edificacións ruinosas e as que estean en manifesto abandono.

3. Para os efectos deste artigo entenderase por vivenda as construcións anexas e instalacións complementarias e elementos comúns no caso de comunidades de propietarios. Como instalacións complementarias entenderanse as construcións e equipamentos de apoio á economía e vida familiar tales como pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo, instalacións eléctricas e de iluminación, instalacións de telecomunicacións etc., sempre e cando estean situadas no mesmo predio da vivenda. No mesmo sentido entenderase como construción ou instalación complementaria o cerramento preexistente do predio en que está a vivenda. En calquera caso, o importe máximo de axudas polo concepto de danos en instalacións complementarias non poderá ser superior a 3.000 euros.

4. Serán igualmente obxecto de axudas os danos sufridos no enxoval doméstico de primeira necesidade cando non estivesen incluídos nas axudas que para o mesmo efecto puidesen aprobar outras administracións. O importe da axuda será de ata o 100 % ou de ata o 40 % dos gastos de reparación ou reposición en función de que o enxoval sexa o da vivenda habitual e permanente ou o da vivenda ocasional, respectivamente.

-Axudas por danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís

1. Serán obxecto de axuda os danos provocados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís como consecuencia dos estragos ocasionados polos incendios nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías nelas depositadas, así coma nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades.

2. Quedarán excluídas da percepción destas axudas as actividades de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

-Axudas por danos nas explotacións agrícolas ou gandeiras

Respectando os criterios establecidos pola Unión Europea nas Directrices comunitarias sobre axudas estatais nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais de 2014 a 2020, os titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras que sufrisen perdas da súa produción por mor dos incendios poderán ser beneficiarios das axudas polos danos sufridos nas explotacións que estean situadas no ámbito xeográfico sinalado no artigo 1.

-Axudas ás entidades locais

1. Serán obxecto de axudas os gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e os danos causados nos bens de titularidade municipal prexudicados polos incendios.

Estas axudas terán, en todo caso, carácter complementario ás que sexan aprobadas por outras administracións.

2. Quedarán excluídas as infraestruturas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

 

Convenios con outras administracións públicas e entidades colaboradoras

1. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia propiciará a subscrición co resto das administracións públicas e coas entidades colaboradoras dos convenios de colaboración que exixa a aplicación deste decreto con vistas ao cofinanciamento das actuacións.

2. Nos convenios de colaboración deberase fixar a forma en que se librarán os fondos ás entidades locais para proceder á reparación dos danos causados nas infraestruturas públicas e o restablecemento dos servizos públicos e nos subscritos coas entidades colaboradoras as condicións e obrigas asumidas por estas consonte o disposto no artigo 13 da Lei 9/2007, de subvencións en Galicia.

Financiamento

1. As axudas públicas reguladas neste decreto financiaranse con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas. Para estes efectos realizaranse, de ser o caso, as modificacións de crédito que sexan necesarias.

2. En todo caso a concesión das axudas estará subordinada á existencia de crédito adecuado e suficiente.

 

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 170703.8 KB