Data:
Baixo o lema “Sentir e pensar Galicia dende o local” a Asemblea se desenvolverá durante toda a xornada no “Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia” en Santiago de Compostela
Na FEGAMP son os concellos e as deputacións quen elixen na Asemblea os novos Consello Federal e Comisión Executiva a partires das candidaturas que se presenten cumprindo cos estatutos
A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Diego Calvo, intervirán na inauguración, e para a clausura está prevista a intervención do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, ademais do novo presidente ou presidenta da FEGAMP
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023.- A menos de cinco días da celebración da XI Asemblea Xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) está confirmada a participación, directa ou delegada, de douscentos setenta concellos e das catro deputacións provinciais galegas, o que supón un incremento na participación respecto á Asemblea da FEGAMP celebrada en 2019, na que participaron douscentos sesenta e dous concellos e as catro deputacións.
Este incremento na participación das entidades locais galegas tamén se constata na presentación de emendas aos relatorios da Asemblea, téndose recibidas ao rematar o prazo o pasado 27 de outubro dúas emendas ás vinte e unha propostas de resolucións do relatorio sobre Financiamento Local; outras seis emendas ás doce propostas de resolucións do relatorio sobre Autonomía e Competencias Locais, e unha emenda máis ás trinta e unha propostas de resolucións do relatorio sobre Desenvolvemento Estratéxico dos Concellos. Estas emendas serán debatidas en comisión e despois elevarase ao plenario da Asemblea o resultado dese debate para a súa aprobación definitiva.
Elección da Presidencia e dos novos órganos da FEGAMP
Na FEGAMP son os concellos e as deputacións quen elixen na Asemblea os novos Consello Federal e Comisión Executiva a partires das candidaturas que se presenten, que, como indica o artigo 29 dos estatutos da FEGAMP, deberán contar cun máximo de 55 persoas candidatas e un mínimo de 17, representando cada persoa candidata ao seu concello ou deputación. Para a válida presentación de candidaturas deberán ser avaladas, cando menos, polo cinco por cento dos votos da Asemblea.
O número 1 da candidatura máis votada será proclamado/a presidente/a da FEGAMP e o seu número 2 será o/a vicepresidente/a executivo/a. O número 1 da segunda lista máis votada será proclamado/a vicepresidente/a primeiro/a e corresponderalle ser vicepresidente/a segundo/a ao/á primeiro/a da terceira lista máis votada.
Serán elixidas membros do Consello Federal as 29 primeiras persoas candidatas da candidatura máis votada, as 17 da segunda, as 7 da terceira e as 2 da cuarta, no seu caso. E serán elixidas membros da Comisión Executiva as 9 primeiras persoas candidatas da candidatura máis votada, as 5 da segunda, as 2 da terceira e a primeira da cuarta, no seu caso.
Queda claro que os órganos que se van elixir na Asemblea están abertos a ser compostos polos concellos e deputacións que sexan quen de organizar e presentar candidaturas cumprindo co establecido nos estatutos antes do remate do prazo ás 16:00 horas do 15 de novembro, durante a Asemblea.
Previsións horarias da Asemblea
A Asemblea comezará ás 10:00 horas coa inauguración na que intervirán a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmmartín, e o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Diego Calvo.
Despois, ás 11:00 horas está previsto o discurso do presidente saínte da FEGAMP, Alberto Varela, no que presentará a Memoria da Xestión do período 2019 – 2023.
Ás 12:30 horas comezará o traballo en comisión sobre os tres relatorios a debate (Financiamento Local; Autonomía e Competencias Locais: presente e futuro; e Desenvolvemento Estratéxico dos Concellos). Ademais, comezará o prazo de presentación de candidaturas.
Despois do xantar se celebrará o debate no plenario da Asemblea dos traballos en comisión dos relatorios. E a previsión é que se celebra a votación para elixir os novos órganos da FEGAMP sobre ás 17:00 horas.
Deste xeito, e despois da proclamación dos resultados da votación, a clausura da Asemblea está prevista ás 17:30 horas, na que está prevista a intervención do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda e do novo presidente ou presidenta da FEGAMP.