Emigración destina 20.000 € á Associação Recreio dos Anciãos de Río de Xaneiro para a atención socioasistencial das e dos maiores galegos

Esta axuda ten como obxectivo contribuír na mellora do benestar social e a calidade de vida dos galegos e galegas con dificultades económicas residentes nesta cidade. 

Imaxe de arquivo, do pasado mes de outubro, da visita do secretario xeral da Emigración á Residencia Santiago Apóstol da Associação Recreio dos Anciãos
Imaxe de arquivo, do pasado mes de outubro, da visita do secretario xeral da Emigración á Residencia Santiago Apóstol da Associação Recreio dos Anciãos
 
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2023.

A Secretaria Xeral da Emigración destina, a través dun acordo de colaboración, 20.000 euros para a Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada de Río de Xaneiro, Brasil, de cara a axudar na atención das necesidades socioasistenciais das e dos maiores galegos residente nesa localidade e que non poidan afrontar o custo da súa estancia, por razóns de carencia ou dependencia. 

Esta entidade, sen ánimo de lucro, fundada en 1940 por persoas emigrantes galegas, ten como finalidade acoller a persoas anciás de xeito gratuíto, dando prioridade ás persoas galegas e españolas con necesidades. A súa actividade axuda a mellorar o aspecto social, emocional e sociolóxico das persoas acollidas.

A Secretaría Xeral da Emigración considera que é necesario establecer unha colaboración para contribuír na prestación de asistencia á colectividade galega residente en Río de Xaneiro e na súa área xeográfica, que por cuestións de idade e/ou circunstancias sociofamiliares, presentan problemas asociados e derivados destas.