Data:
A vicepresidenta executiva da FEGAMP e alcaldesa de Betanzos, María Barral, participou una apertura do Encontro Internacional de Mulleres Electas “As Elixidas” que se celebra hoxe e mañá na Coruña
Barral sinalou que “dende a reivindicación e a mobilización permanente, as mulleres estamos a “sacudir” a nosa sociedade e as nosas institucións, sacándoas de inercias condescendentes e situándoas en clave de igualdade real a través de políticas e iniciativas con ese obxectivo”
A Coruña, 10 de decembro de 2024.- A vicepresidenta executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e alcaldesa de Betanzos, María Barral, ven de participar no acto de apertura do Encontro de Mulleres Electas “As Elixidas”, que se celebrou no Salón de Plenos do Concello da Coruña.
No acto tamén interviñeron Marga Figueroa, vogal do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e concelleira de Oleiros; Rosa Ana García, deputada provincial da Coruña e Nereida Canosa, concelleira da Coruña.
O Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ reune hoxe e mañá na Coruña a alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique, Brasil, Galicia e outros puntos do Estado co fin de poñer en valor o papel das donas no poder local e compartir os desafíos que enfrontan, nun espazo de sororidade, diálogo e colaboración organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co apoio do Concello da Coruña, a Deputación Provincial e a FEGAMP.
A vicepresidenta da FEGAMP na súa intervención saudou as promotoras e as participantes, sinalando a importancia deste encontro que “dende a reivindicación e a mobilización permanente, as mulleres estamos a “sacudir” a nosa sociedade e as nosas institucións, sacándoas de inercias condescendentes e situándoas en clave de igualdade real a través de políticas e iniciativas con ese obxectivo”.
María Barral se detivo en sinalar que “a FEGAMP hai tempo que se incorporou ao grupo de institucións que claramente traballan pola igualdade e polos dereitos das mulleres nos nosos ámbitos, como organización dos concellos e das entidades locais galegas” estando o municipalismo galegos aliñado “coas grandes decisións e accións en defensa dos dereitos das mulleres e da igualdade, obtendo resultados importantes, como veremos despois” dende a Axenda 2030, a Estratexia para a Igualdade de xénero 2020-2025, a Carta Europea para a Igualdade de Mulleres e Homes na Vida Local, ademais da Constitución, da Lei de Bases do Réxime Local, e da Lei Orgánica para a Igualdade efectiva entre homes e mulleres.
Barral sinalou que “desde o municipalismo galego estamos a recoller resultados positivos en materia de igualdade, aínda que non son suficientes, como é ter pasado nestes últimos vinte anos de dezaoito alcaldesas en Galicia no ano 2003 a setenta e unha alcaldesas no ano 2023. Un ano despois somos 70 alcaldesas en trescentos trece concellos”, sumando “catorce alcaldías máis respecto ao final do mandato anterior, o que supón un incremento porcentual do 4,5%, superando por primeira vez a barreira do 20% (concretamente, o 22,68%)”. E no caso das concelleiras “a porcentaxe ascende ao 42,08%, cando hai 20 anos estaba no 20,66%, pasando de 789 a 1426 concelleiras en 2023. E nas deputacións provinciais o 36% son deputadas fronte ao 64% de deputados”.
Sobre a poboación galega gobernada por alcaldesas, a vicepresidenta da FEGAMP indicou que “preto de 880.000 galegos e galegas teñen unha muller como alcaldesa, o que representa un 32,6% sobre o total da poboación, e 5,1% puntos porcentuais máis respecto ao mandato anterior” dándose “o maior incremento no tramo de concellos con máis de 50.000 habitantes, con alcaldesa en Santiago de Compostela, ademais da Coruña e Lugo”.
María Barral rematou a súa intervención lembrando o compromiso do municipalismo galego dende a FEGAMP “promover a participación activa das mulleres na vida política e social local, mediante accións de sensibilización, capacitación e fomento do liderado feminino que permitan acadar a paridade nas corporacións e nas alcaldías nas vindeiras eleccións municipais de 2027” sendo “a vocación do municipalismo galego seguir estando na vangarda das políticas de igualdade”.