As entidades locais galegas recibirán en 2024 sobre 1.600 millóns de euros de financiamento estatal, máis de 300 millóns que en 2023

Data: 

martes, 12 Decembro, 2023 (Todo o día)
  • A FEGAMP presenta estas estimacións despois do anuncio do Ministerio de Política Territorial de subir un 22,6% o financiamento estatal ata acadar os 28.557 millóns de euros a repartir entre todas as entidades locais do Estado.
  • Para a FEGAMP esta subida contrasta coa conxelación dende 2010 do financiamento local da Xunta de Galicia que se reparte entre todos os concellos galegos.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) estima que serán sobre 1.600 millóns de euros o financiamento estatal a repartir entre todas as entidades locais galegas (concellos e deputacións), despois do anuncio do Ministerio de Política Territorial na Comisión de Nacional de Administración Local de subir o financiamento estatal dos concellos ata os 28.557 millóns de euros, o que supón una subida de 22,6%.

A suma da liquidación prevista e as entregas a conta superarán no ano 2024 para as entidades locais galegas os 1.600 millóns de euros, o que supón máis de 300 millóns de incremento con respecto ao ano anterior. Desta cantidade, estímase que os concellos perciban uns 900 millóns de euros (fronte aos 747 do ano anterior) e as deputacións uns 700 millóns (fronte aos 590 percibidos no ano 2023).

Este financiamento estatal se reparte entre todos os concellos galegos, e a súa subida contrasta coa parte base do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, que tamén se reparte entre todos os concellos galegos, pero que leva dende 2010 sen subidas, conxelada en 112 millóns de euros.

Para Alberto Varela, presidente da FEGAMP, “non ten ningún sentido que os concellos estean a ver como os ingresos provenientes do Estado medran cada ano e de un xeito tan importante mentras que os que dependen da Xunta de Galicia levan conxelados desde o ano 2010”.

Para o presidente da FEGAMP “esta situación é urxente que mude xa, porque á conxelación do financiamento local da Xunta de Galicia hai que engadir todos os servizos que asumen os concellos e que son competencia da Xunta de Galicia, que seguen sen ter resoltos os seus problemas de financiamento“.