A FEGAMP abre o debate sobre o regulamento do autocaravanismo en Galicia

Data: 

domingo, 20 Marzo, 2022 - 11:02

A Federación Galega de Municipios e Provincias busca as melloras precisas para un mellor encaixe do fenómeno crecente do autocaravanismo en Galicia.

Este tipo de turismo sobre rodas leva anos á alza. Segundo datos do sector, dende 2013 ata 2019 o autocaravanismo, que engloba venta e alquileres, creceu un 528%, o turista nacional pasou do 40% ao 75% e as áreas de estacionamento (128 en Galicia) non son suficientes para o número de vehículos e persoas que practican esta actividade. En 2021, o número de matriculacións en Galicia acadou 518 novos rexistros, un 5’5% máis que o ano anterior.

Ante as numerosas consultas recibidas de concellos, a Federación Galega de Municipios e Provincias elaborara unha ordenanza municipal modelo de referencia para lles axudar a xerar seguridade xurídica e xestionar esta fonte de riqueza. Porén, o auxe deste turismo require o desenvolvemento de medidas materiais, estruturais e legais que garanten a boa convivencia das persoas usuarias deste modelo turístico coa protección dos espazos municipais e o benestar e intereses das administracións públicas e da cidadanía en xeral.

Nexte contexto, a Fegamp celebra unha xornada o martes 22 de marzo coa participación de todas as administracións e representantes do sector no que se abordarán cuestións como desprazamentos, estacionamento, protección medioambiental, competencias, rexistros de visitantes e outros aspectos requiridos por todas as partes para acadar un bo encaixe desta actividade.