A FEGAMP achega as demandas e retos do municipalismo galego ao tecido empresarial coruñés

Data: 

martes, 22 Outubro, 2024 (Todo o día)

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, interveu no Almorzo-coloquio organizado na Coruña por Nordés Club Empresarial e pola empresa tecnolóxica Radiospectrum, e presentado polos seus cuxos máximos responsables, Carlos López Navaza e José Antonio Ferreira Dapia, respectivamente.

O evento contou coa participación da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que precedeu na palabra a Alberto Varela, e coa asistencia da alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta executiva da FEGAMP, María Barral, e do alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo.

Na súa intervención, o presidente da FEGAMP fixo un repaso ás principais demandas e retos do municipalismo galego, dende o financiamento local, a delimitación de competencias, a colaboración institucional, facendo fincapé na necesidade de axilizar e desburocratizar a xestión local e orientala á atracción da actividade económica e á colaboración público-privada.

Video do Almorzo-coloquio

A Coruña, 22 de outubro de 2024.-Alberto Varela comezou salientando o agradecemento polo convite e pola asistencia dun nutrido auditorio de responsables de empresas coruñesas, avanzando na oportunidade estes eventos e de máis espazos para o diálogo sectorial.

De seguido, evocou a situación padecida durante a pandemia do covid, que puxo de manifesto “ a necesidade de mellorar a atención das administracións, tanto para os procesos que xurdiron como no labor diario que se desenvolve, xa que ten que executarse en condicións cada vez máis extraordinarias. Asuntos como a violencia machista, a fenda de xénero, a desigualdade, o despoboamento, o envellecemento, a exclusión social, a atención ás persoas dependentes, o desenvolvemento económico territorial teñen que ser atendidos para a súa mellora desde a acción pública máis eficaz que obriga  á mellor coordinación das tres administracións: Concellos, Xunta de Galicia e Goberno de España.”

Nesa liña, o presidente da FEGAMP reafirmou o necesario “recoñecemento institucional a todos os niveis da acción dos gobernos locais. Os concellos non son administracións subsidiarias de ningunha outra, e moitas veces vémonos obrigados a ter que atender as competencias e servizos doutras administracións sen a cobertura necesaria, ou mesmo sen ningunha cobertura económica”, ademais observou que “a descentralización da administración pública ten que retomarse en termos de definición de competencias e financiamento, de coordinación entre administracións, de xeito que se axilicen os procedementos públicos e se optimicen os resultados. E de colaboración publica e privada na elaboración de proxectos estratéxicos para o desenvolvemento económico local.”

Alberto Varela se detivo para falar da problemático do acceso á vivenda, sinalando que “non se corresponde coa boa situación económica a dificultade xeneralizada de poder acceder a unha vivenda digna ou de poder mantela. Esta situación estase a estender por toda Galicia, mesmo agravada pola proliferación das vivendas de uso turístico e a súa incidencia na suba dos prezos”, aclarando que “aínda que a política de vivenda non é competencia dos concellos, entendemos que é preciso maior coordinación para reconducir esta situación mediante normas e decisións que faciliten poder dispoñer dunha vivenda digna ás persoas e familias que o precisen.”

Tamén o asunto do turismo ten cada vez máis repercusión nos concellos polo que “é momento de abordar o seu impacto nos concellos, para que todo o esforzo económico aplicado para mellorar os servizos públicos locais se vexa compensado por un financiamento público máis axeitado, dende os ingresos que reciben Xunta e Estado polos impostos o mesmo dende a aplicación de taxas turísticas, segundo sexa o caso.”

Especial atención mereceu para o presidente da FEGAMP a situación do Servizo da Axuda no Fogar (SAF), que sinalou que “tampouco se corresponde coa boa situación económica nin coa necesaria colaboración institucional entre administracións que siga sen resolverse o problema de financiamento dos servizos sociais que os concellos galegos teñen que atender achegando a meirande parte do custo, como está a acontecer co Servizo de Axuda no Fogar (SAF)” e que dende a FEGAMP “imos continuar esixindo o cumprimento de previsto na Lei de Dependencia para que o 100% do custo do SAF sexa asumido integramente pola Xunta e polo Ministerio.”

Sobre o financiamento local, Alberto Varela salientou que “os concellos galegos precisamos do financiamento xusto que nos corresponde” e que no inmediato se pode comprobar que nisto no hai mellora, e iso se traduce que “no proxecto de Orzamentos para 2025 a Xunta de Galicia decidiu manter “conxelados” os pouco máis de 112 millóns de euros da parte incondicionada do Fondo de Cooperación Local, que se distribuirán entre os trescentos trece concellos galegos, sendo esta unha vía fundamental de financiamento para os servizos que ten que ser prestados polos concellos” e que a proposta da Xunta de incorporar unha contía de 5.400.000 euros dirixida só para os concellos de menos de 15.000 habitantes “sigue a liña da condicionalidade defendida pola Xunta nestes anos, non parecendo lóxico deixar fora desta proposta da Xunta aos concellos nos que viven máis do 60% dos galegos e galegas.”

Para Alberto Varela “hai que seguir avanzando en medidas que axilicen e desburocraticen a nosa xestión e os procedementos que tanto a veciñanza, como as empresas e o tecido asociativo nos confían en desenvolvemento da súa actividade”, e tamén na “asistencia á cooperación económica local, para que atraia e promova máis actividade económica de xeito descentralizado.”

O presidente da FEGAMP rematou a súa intervención destacando que “as fórmulas de xestión integrada para o desenvolvemento dos concellos e da súa actividade deberán incluír sempre unha cualificada colaboración pública e privada na toma das decisións fundamentais dos servizos a prestar.”

O evento continuou coa quenda de intervencións e preguntas das persoas asistentes, e ao final, o presidente da FEGAMP asinou no Libro de Honra de Nordés Club Empresarial.

Almorzo-coloquio Nordés Club Empresarial