Data:

A elaboración dese protocolo ten que contar con todas as partes implicadas no SAF no ámbito das súas competencias como administracións, das súas relacións laborais, das súas condicións de seguridade e do seu coñecemento profesional da actividade
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2025.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou hoxe reunión extraordinaria da súa Comisión Executiva na que abordou a elaboración dun protocolo de seguridade para o persoal que desenvolve o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), despois do tráxico suceso no que a traballadora do SAF, Teresa de Jesús González, foi presuntamente asasinada pola parella da persoa dependente que atendía Teresa no desenvolvemento do seu traballo no Porriño (Pontevedra).
Precedida por una Xunta de Voceiros e Voceiras tamén extraordinaria, a Comisión Executiva da FEGAMP acordou unanimemente promover unha mesa de traballo para a elaboración dese protocolo por todas as partes implicadas no SAF no ámbito das súas competencias como administracións, das súas relacións laborais, das súas condicións de seguridade e do seu coñecemento profesional da actividade, despois de avaliar toda a información dispoñible e atendendo as recibidas para tal fin.
Por iso, a FEGAMP acordou xestionar e garantir a participación da Xunta de Galicia, do Goberno, da patronal do sector, das organizacións sindicais máis representativas e do Colexio Oficial do Traballo Social de Galicia, para que a primeira reunión desa mesa de traballo poida celebrarse o máis axiña posible.
Ao mesmo tempo, dende a FEGAMP se solicitará as entidades participantes na mesa as súas achegas para a elaboración do protocolo, ademais de recabar toda a información existente en outras comunidades autónomas sobre novas medidas de seguridade no desenvolvemento de traballos de atención a persoas dependentes nos seus fogares, para facilitar e axilizar os traballos desta mesa.

Sede Electrónica