A Fegamp asina un protocolo coa Xunta para xestionar de forma municipal a licenza para obras de actuación no Patrimonio Cultural Galicia

Data: 

luns, 4 Decembro, 2017 - 10:00

Os concellos poderán agora dar licenza en obras menores e bens que son patrimonio cultural das súas contornas exceptuando os Bens de Interese Cultural (BIC), os do ámbito territorial do Camiño de Santiago, os que son propiedade da igrexa católica e tamén os que de forma expresa salvagarde a Dirección Xeral de Patrimonio.

Santiago de Compostela, 4 decembro 2017 . - O presidente da Fegamp, Alfredo García, e o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron hoxe na Cidade da Cultura de Galicia entre ambas entidades un protocolo de colaboración para axudar na habilitación dos concellos, tal como di a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, para que podan expedir licenza municipal para determinadas actuacións nesta materia. Os concellos, sempre a través dun convenio firmado coa propia Consellería de Cultura, poderán dar estes permisos de forma municipal, con excepción dos que quedan excluídos de forma expresa coma son os Bens de Interese Cultural e arqueolóxico, as propiedades en mans da igrexa Católica, os bens adscritos no ámbito territorial Camiño de Santiago a aquelas actuacións que a Consellería de Cultura salvagarde expresamente.

Na súa intervención o presidente da Fegamp resaltou que “é unha cuestión de confianza” a firma deste protocolo de colaboración a través do cal agora a consellería de Educación traslada competencias na obtención de licenza para a rehabilitación de determinados inmobles aos concellos, coa intención de axilizar os trámites de licenza”. Por isto García agradeceu á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria “o empeño para resolver un problema como o dos tempos na obtención de licenza que antes dependían exclusivamente da Dirección Xeral de Patrimonio e agora poderá darse de forma municipal”. Isto farase a través da firma de convenios dos concellos coa propia Consellería que agora a Fegamp se compromete a promover con esta sinatura.

Segundo o presidente “os concellos son os máis interesados en rehabilitar o patrimonio cultural das súas contornas” e tivo palabras de agradecemento “pola consecución deste obxectivo de acurtar os tempos e facilitar a tramitación de licenza no que tanto a Consellería como a Fegamp levan traballando de forma conxunta dende hai tempo”.

Alfredo García destacou tamén a importancia de “confiar no criterio dos técnicos municipais” e da importancia de que tamén se conte xa con unha instrución negociada entre ambas partes e que “describe o ámbito de aplicación para identificar as intervencións que non precisan dunha autorización previa en materia de patrimonio cultural en bens inmobles protexidos e describe a casuística completa ao respecto”.  Segundo explicaron tanto o presidente da Federación como o conselleiro estas intervencións poden chegar a significar a lo menos un 30% das solicitudes, pero que se estima que, no caso dalgúns concellos, podería chegar ao 50%.