A Fegamp avisa á Xunta de Galicia que os seus erros informativos están a xerar confusión e tensións nos concellos

Data: 

xoves, 18 Febreiro, 2021 (Todo o día)

A Fegamp pediu á Xunta de Galicia que mellore a súa xestión dos rexistros de persoal do SAF aspirante a vacinarse fronte ao coronavirus para evitar confusións e tensións que está a producir nos concellos.

O 27 de xaneiro a Consellería de Sanidade solicitara á Fegamp que canalizase a recollida dos datos para facer un rexistro de persoal do SAF susceptible de recibir a vacina. Sen máis indicación que o tipo de datos a recadar, a Fegamp artellou o mecanismo e a cobertura legal para a recollida de datos, incluíndo no procedemento a supervisión do alcalde ou alcaldesa como filtro para evitar que se vacinen persoas ás que non lles corresponde nesta fase da campaña de inmunización. A Federación trasladou o primeiro listado con preto de 3.000 traballadores e traballadoras en dez días dende a solicitude de colaboración, con actualizacións posteriores á medida en que se dispuña dos datos.

A Fegamp descoñece o motivo polo que o Sergas contactou algúns concellos para requirir os datos xa trasladados e porqué onte a Xunta de Galicia publicou unha relación errónea de concellos pendentes de enviar os seus listados que xerou confusión e malestar tanto nas administracións locais como nos traballadores e traballadoras do SAF.

Se ben a Consellería de Sanidade non puxo data límite para reportar os listados e a maioría do persoal referido aínda non está vacinado, tanto a Fegamp coma os concellos teñen o máximo interese na inmediata inmunización do persoal dun servizo municipal tan importante como é o SAF, polo que atenderán calquera indicación ou requirimento para facilitar ao máximo a vacinación de dito persoal en cano a Xunta poida.