A FEGAMP avoga por abordar a futura Lei de Administracións Locais de Galicia dende un novo Pacto Local coa Xunta de Galicia con compromisos certos sobre financiamento local e competencias

Data: 

martes, 13 Xaneiro, 2026 (Todo o día)

Acceso ao video do Almorzo Informativo

Tamén proporá ao Goberno de España e a FEMP a reforma do financiamento local estatal

A Comisión Executiva da FEGAMP adoptará unha posición definitiva o martes 20 de xaneiro de non acadarse acordo coa Consellería de Política Social sobre o financiamento do SAF

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2026.- Por segundo ano, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou un almorzo informativo cos medios de comunicación para facer balance da xestión desenvolvida en 2025 e, sobre todo, para salientar os principais retos do municipalismo galego para 2026 que está a comezar.

No almorzo informativo participaron o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, e a secretaria xeral, Patricia Vilán, que atenderon ás persoas profesionais dos medios que asistiron.

Principais retos para 2026: Un novo Pacto Local Xunta-FEGAMP 20 anos despois

O presidente da FEGAMP presentou os principais retos do municipalismo galego para 2025 reiterando que o municipalismo galego ten acreditada a súa vocación colaborativa coa Xunta de Galicia, co Goberno de España, e con todas as institucións e organizacións coas que coincidimos no labor de mellorar a calidade de vida nos nosos municipios.

A pesares diso, o ano 2025 rematou con importantísimos asuntos pendentes de ser resoltos coa Xunta de Galicia e, as veces, co Goberno de España, como acontece co financiamento local e a delimitación de competencias, e, nomeadamente como exemplo de ambos temas, co SAF, que de non avanzarse na negociación e acadar un acordo, o presidente da FEGAMP sinalou que a posición da FEGAMP se resolvería na vindeira reunión da Comisión Executiva do martes 20 de xaneiro, podéndose acordar recorrer á vía xudicial polo incumprimento do financiamento do SAF previsto na Lei de Dependencia.

A persistente problemática en torno ao financiamento local e a delimitación de competencias se engloban no cumprimento do establecido no Pacto Local do 2006 e na Lei de Administracións Locais de Galicia de 1997, que a Xunta de Galicia leva varios anos anunciando a súa renovación, sen que dende a FEGAMP se teña ata o momento máis información.

Pola importancia da interlocución e o acordo entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP en representación de municipalismo galego, Alberto Varela avogou por retomar as canles que propiciaron hai agora 20 anos o Pacto Local, para relanzalo como novo Pacto Local dende o que abordar de xeito corresponsable e satisfactorio para ambas partes o tratamento e a resolución da problemática do financiamento local e as competencias, dende a participación no proceso da nova Lei de Administracións Locais de Galicia, baixo a cobertura dun novo Pacto Local, renovado con compromisos certos.

Sobre a reforma do financiamento da Xunta de Galicia ás entidades locais, o presidente da FEGAMP lembrou que a principal demanda do municipalismo galego é a actualización e incremento do Fondo de Cooperación Local na súa parte incondicionada, “conxelada” en 112 millóns de euros dende 2010, incorporando os fondos adicionais e subvencións condicionadas.

Alberto Varela reclamou a potenciación da Comisión Galega de Cooperación Local, convocando a mesma de maneira periódica e regular, xa que leva sen convocarse dende febreiro de 2021, a constitución dun organismo permanente e paritario para garantir o respecto a autonomía e competencias locais, a promoción das comisións paritarias entre a FEGAMP e as Consellerías da Xunta de Galicia e da Subcomisión de Entidades Locais na Comisión Institucional do Parlamento de Galicia.

No actual contexto de debate sobre o financiamento autonómico, a reforma do financiamento estatal das entidades locais non pode seguir postergándose. A pesares da evolución positiva dos último anos, o gran problema é a incerteza na que se moven as previsións anuais, e que fai moi complicado elaborar un orzamento municipal que se poida axustar a realidade.

O presidente da FEGAMP analizou a complexa situación que afrontan os concellos e as deputacións xa en xaneiro en relación a esta liña de financiamento. Para o ano 2026 están prorrogadas as entregas a conta de 2025 mediante un Real Decreto que debe ser convalidado polo Congreso dos Deputados, o que supón máis de 1.670 millóns de euros para as entidades locais galegas.

De non ser así, as cifras que as entidades locais percibirían en xaneiro de 2026 serían as mesmas contempladas no último orzamento estatal aprobado no ano 2023 (case 1.420 millóns de euros). Tamén hai un anuncio de que durante o ano podería actualizarse está cifra cun incremento do 8,5% respecto ás cifras de 2025 (case 1.850 millóns de euros).

As entidades locais galegas atópanse neste intre con 3 escenarios posibles, que entre o mellor escenario e o peor hai unha notable diferenza de 431 millóns de euros. Segundo Alberto Varela deben activarse mecanismos para que, independentemente da aprobación ou non dos Orzamentos do Estado, as entregas a conta das entidades locais se actualizaran xa a 1 de xaneiro de cada ano, cun cálculo transparente da cifra anual de participación, en función da recadación de impostos, e previo ao pagamento das entregas a conta e liquidacións autonómicas.

Tamén sería necesario un fondo anual complementario con criterios de reparto que atendan o custo dos servizos prestados, o número de entidades singulares de poboación, a superficie ou o envellecemento. E nas posibilidades de utilización do remanente/superávit xerado polas entidades locais o modelo debe ser máis estruturado e previsible. E a regra de gasto só debería resultar de aplicación cando se concorre un incumprimento dalgunha das restantes.

O presidente da FEGAMP anunciou que solicitará abordar estas propostas co Delegado do Goberno, Pedro Blanco, e coa presidenta da FEMP, María José García-Pelayo, coa vontade de que poidan ser tidos en conta na necesaria reforma do financiamento local estatal.

Balance 2025

O presidente da FEGAMP repasou 2025 como o ano de acordo para as UAD, que fixo posible comezar 2026 coa integración no SERGAS das 13 UAD, despois dunha ardua e produtiva negociación entre a Consellería de Sanidade, A FEGAMP e os concellos con UAD.

Tamén incluíu no repaso que foi un ano de acordo en abril e desacordo en decembro no convenio de faixas. Lembrou que a FEGAMP non rexeitou a sinatura do convenio, senón que rexeitou a última proposta recibida da Xunta de Galicia solicitando que continuasen as negociacións cara a poder chegar a un acordo para un novo convenio xusto, equilibrado e eficaz, despois da tráxica vaga de lumes padecida no verán. E todo isto despois de asinar en abril un novo convenio no que si foron engadidas melloras achegadas dende a FEGAMP.

E culminou o repaso facendo mención á falta de avances na negociación coa conselleira de Política Social para a mellora do financiamento do SAF, a pesares do empeoramento da situación, cos custos do servizo por riba dos 22 euros/hora na maior parte dos concellos. Alberto Varela lembrou que a FEGAMP propuxo  unha suba ata 17 euros/hora no SAF aplicable dende xaneiro de 2025 e negociar a concreción urxente da cobertura do 100% do seu custo, pero que as posicións aínda estaban moi distantes.

 

Almorzo informativo FEGAMP Retos 2026