Data:

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2025.- A Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou a súa sesión ordinaria de febreiro na que varios dos seus membros tiveron que participar mediante videoconferencia por dificultades de axenda.
A reunión foi aberta polo presidente da FEGAMP, Alberto Varela, que presentou o seu informe, destacando a xuntanza celebrado coas alcaldías dos concellos sancionados pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia por padecer problemas de xestión no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) motivados pola falta de financiamento da propia Xunta e do Ministerio de Dereitos Sociais. Sobre este asunto, o presidente confirmou ter recibido resposta da Consellería á solicitude de reunión rexistrada antes do verán pasado para abordar a situación do infrafinanciamento do SAF, e na que tamén se levará este asunto das sancións. A reunión esté prevista que se celebre o vindeiro 3 de marzo.
De seguido, e no seu informe, a secretaria xeral, Patricia Vilán, deu conta da xestión desenvolta nas xuntanzas das comisións técnicas creadas dende o Observatorio da Vivenda de Galicia, na reunión co presidente da Real Academia Galega (RAG), Victor Freixanes, avaliando posibilidades de colaboración futura, e na reunión co Colexio Oficial de Traballo Social e varios sindicatos sobre a situación do financiamento do SAF. Por último, informou dos traballos para a celebración dun novo encontro de alcaldesas e concelleiras baixo o lema "A mocidade, forza motriz para a igualdade" o vindeiro xoves 27 de febreiro, coincidendo coa conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.
Na quenda dos informes, o director xeral, José Manuel Chapela, informou dos traballos sobre a Orde que vai regular as subvencións par ao fomento do emprego no medio rural no 2025, e sobre a consulta pública dos documentos iniciais do ciclo de planificación hidrolóxica 2028-2033.
A Comisión Executiva tamén avaliou os contidos do borrador do Convenio entre a Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Fegamp para a coordinación de actuacións no desenvolvemento do programa galego de vixiancia e control fronte á Avespa Asiática (Velutina) e do borrador do Convenio de colaboración en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.