Data:
A Federación Galega de Municipios e Provincias traslada á Xunta de Galicia o malestar dos concellos por presentar uns orzamentos netamente insuficientes e decididos unilateralmente, sen contar coa Administración Local.
Na Subcomisión Permanente do Réxime Económico e Financeiro, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, reprochou ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e ao conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, que a Xunta faga oídos xordos respecto ás necesidades da Administración Local, xa que a Federación leva anos a reclamar un aumento do financiamento de base, necesario para que os Concellos poidan levar a cabo as súas competencias.
Varela lembra aos representantes do Goberno galego que esta reivindicación conta co respaldo “de todos e cada un dos 313 concellos galegos, que así o decidiron por unanimidade na Asemblea Executiva, máximo órgano da Fegamp” e que “é unha obriga da Xunta garantir un axeitado financiamento das Entidades Locais”.
Os representantes da Fegamp pediron aos conselleiros que o Goberno da Xunta modifique o proxecto, xa que despois de anos de absoluto infrafinanciamento a situación é insostible e os orzamentos que pretenden levar ao Parlamento repercutirán inevitable e negativamente na prestación dos servizos.
Recriminan á Xunta de Galicia que recoñeza as especiais dificultades que están a enfrontar os concellos co incremento de custos e o aumento de demanda social pero que non lle poña solución a iso no reparto de diñeiro. Sinalan, que así como o Goberno do Estado aumentou a PIE, a Xunta debería ser coherente, realista e aumentar unha aportación que leva dez anos conxelada.
Así mesmo, reivindican a autonomía local e o máximo coñecemento das necesidades a cubrir dos seus veciños e veciñas. Valoran que a Xunta tente buscar solucións para os concellos máis pequenos, pero rexeitan a fórmula dos fondos adicionais xa que se reparten sen criterios obxectivos, condicionados, que non garantan que todos os pequenos concellos aos que van dirixidos vaian recibilos e que non ten en consideración as necesidades do resto dos concellos aos que tamén se lles está a pedir “que fagan máis co mesmo diñeiro”.