A Fegamp considera inxustificadas as manifestacións que pretenden levantar dúbidas sobre o control nos concellos

Data: 

xoves, 25 Marzo, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias considera totalmente inxustificadas e inadecuadas as declaracións nas que se pretende levantar dúbidas sobre a dilixencia ou colaboración dos concellos no control das medidas de contención do coronavirus.

O presidente da Fegamp, Alberto Varela, considera as manifestacións improcedentes por canto levantan dúbidas gratuítas sobre a acción da administración local sen imprecisión nin fundamento. Varela ve incomprensibles as devanditas declaracións, xa que poden xerar na cidadanía sensación de inseguridade e/ou impunidade ante condutas irresponsables, algo que vai en contra tanto da labor como das mensaxes dos concellos: “máximo traballo  e impunidade cero contra o incumprimento”.

A Fegamp lembra que os concellos levan a colaborar na xestión da crise sanitaria dende o inicio da mesma e coa máxima predisposición, traballando man a man tanto co Goberno do Estado como coa Xunta de Galicia e asumindo labores incluso máis aló das súas competencias aportando os seus propios medios económicos, materiais e humanos sen ter recibido ningún fondo extraordinario dos que si dispuxeron as outras administracións. Polo tanto, insta a que de considerarse que se produce algunha irregularidade ou deficiencia, en beneficio da cidadanía se activen os mecanismos formais e resolutivos que deben rexer na boa colaboración e lealdade institucional: informar ás autoridades competentes, analizar a orixe da situación e aportar os medios materiais económicos e humanos para poder corrixila.

Con todo, os concellos consideran totalmente inxusto que se cuestione a súa máxima implicación, colaboración e dilixencia na loita contra a pandemia e reclaman a mesma actitude por parte das outras administracións nuns momentos nos que os esforzos deben concentrarse en colaborar e remar todos na mesma dirección como demanda e merece a nosa cidadanía.