A FEGAMP da o visto bo á última proposta da Consellería de Política Social de mellora do financiamento do SAF

Data: 

martes, 20 Xaneiro, 2026 (Todo o día)

A súa Comisión Executiva aprobou por maioría a proposta que sube dos 12 euros/hora de servizo actuais ata os 16 para 2026, os 17 para 2027 e os 18 euros/hora para 2028, sen renunciar ao obxectivo final de que o financiamento do SAF sexa cuberto na súa integridade pola Xunta de Galicia e polo Goberno.

A proposta tamén incorpora a creación dunha comisión de avaliación dos novos prezos do SAF para unha posible revisión das achegas.

A Comisión Executiva gardou un minuto de silencio en solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario en Adamuz.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2026.- Cun minuto de silencio en solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario sucedido en Adamuz (Córdoba) comezou a xuntanza mensual ordinaria da Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), na que se abordou, entre outros asuntos, a última proposta recibida pola Consellería de Política Social  para o incremento do prezo/hora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) dentro do proceso de negociación que se está manter.

En novembro pasado a Comisión Executiva da FEGAMP rexeitou a proposta anterior, que só subía dende os 12 euros /hora de servizo actuais ata os 14 euros/hora no 2026, ata os 15 euros/hora no 2027 e ata os 16 euros/hora no 2028, considerándoa insuficiente.

Isto foi o que Alberto Varela, presidente da FEGAMP, trasladou á conselleira de Política Social, Fabiola García, na reunión mantida o 22 de decembro pasado, lembrándolle que era imprescindible resolver o problema do financiamento do SAF que padecen os concellos, tendo que facerse cargo da meirande parte do seu custo, que supera amplamente os 21 euros por hora de servizo de media.

Nestes días, dende a Consellería de Política Social achegouse unha última proposta que melloraba a anterior, pola que se sube a 16 euros/hora de servizo en 2026, 17 euros/hora en 2027 e 18 euros/hora en 2028.

A nova proposta tamén avanza cara a solución do problema do financiamento do SAF coa creación dunha comisión de avaliación dos novos prezos nas futuras licitacións do SAF, para posible unha revisión das achegas.

Con esta nova proposta enriba da mesa se avanzaría sobre problema do financiamento do SAF que padecen os concellos, cunha sensible mellora inmediata de 4 euros no que se refire á achega económica que recibirían os concellos dende a Xunta de Galicia e do Ministerio de Dereitos Sociais, subindo dos actuais 12 euros/hora de servizo ata os 16 euros/hora para 2026, e de 5 e 6 euros/hora para os seguintes anos 2027 e 2028, respectivamente.

Por todo o anterior, e sen renunciar ao obxectivo final de que o financiamento do SAF sexa cuberto na súa integridade pola Xunta de Galicia e polo Goberno, como sinala a Lei de Dependencia, a Comisión Executiva da FEGAMP aprobou por maioría dar el visto bo a esta última proposta recibida da Consellería de Política Social, tendo en conta tamén a urxencia económica que están a padecer os concellos polo SAF.

A negociación da mellora do financiamento do SAF iniciouse en marzo pasado, despois de que dende a FEGAMP se reclamara a mesma polas dificultades dos concellos de poder asumir os custos do SAF non cubertos polos 12 euros/hora achegados pola Xunta e o Ministerio de Política Social.

Neste período celebráronse varias reunións e dende a FEGAMP achegouse durante o proceso toda a información actualizada sobre a situación de custos do SAF nos concellos, incorporando o impacto dos prezos das novas licitacións do SAF aprobadas polos concellos durante 2025, e a modificación de intensidades nos servizo establecidas no RD 675/2023 atendendo ao número de usuarios e graos de valoración do SAF en Galicia.

COMISIÓN EXECUTIVA FEGAMP