A FEGAMP destacou que “a igualdade territorial tamén debe ser unha prioridade en materia de ciberseguridade” que “require cooperación institucional e recursos estables"

Data: 

mércores, 4 Novembro, 2026 (Todo o día)

O presidente da FEGAMP participou na apertura insitucional do VI Encontro CIBER.gal confirmando que o cen por cen dos concellos galegos dispón xa de sede electrónica, cando en  2017 esa porcentaxe era do 79,3 %

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2026.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, participou na inauguración do Vl Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que se está celebrando en Santiago de Compostela ata o venres 6 de novembro.

Na súa intervención, o presidente da FEGAMP destacou que “a ciberseguridade non é un asunto exclusivamente tecnolóxico. É unha cuestión de confianza, de protección dos dereitos da cidadanía e de garantía da prestación dos servizos públicos”.

Alberto Varela sinalo que “a transformación dixital dos nosos concellos está avanzando a un ritmo moi importante” como o confirma a Estatística 2026 da Administración Dixital nos Concellos Galegos, publicada polo OSIMGA hai apenas uns días, sinalando que o cen por cen dos concellos galegos dispón xa de sede electrónica, cando en  2017 esa porcentaxe era do 79,3 %.

Tamén sinalou que “a dixitalización municipal vai moito máis alá. O rexistro electrónico está presente no 99 % das sedes, as notificacións electrónicas no 96,7 % e a carpeta cidadá no 90,7 %” e que “o 13,6 % dos concellos xa emprega algunha solución baseada na intelixencia artificial para analizar información ou crear contidos”.

Ante esta situación, o presidente da FEGAMP “canta máis tecnoloxía incorporamos á xestión municipal, maior é a nosa responsabilidade á hora de garantir a súa seguridade” e máis tendo en conta  que en setembro de 2025 coñeciamos que  preto de 2.000 alertas por posibles fraudes detectadas durante o primeiro semestre dese ano, así como 172 auditorías técnicas realizadas desde 2022 nas entidades locais.

Varela confirmou que nese “desde a FEGAMP queremos poñer o acento nunha cuestión fundamental: a igualdade territorial tamén debe ser unha prioridade en materia de ciberseguridade” polo que “require coordinación, planificación e recursos estables. Require tamén unha cooperación institucional efectiva entre a Xunta de Galicia, as deputacións provinciais e os concellos, aproveitando as capacidades existentes e evitando que cada administración teña que afrontar individualmente problemas que son comúns a todas”.

“Non podemos permitir que a capacidade dun concello para protexer os datos da súa veciñanza ou garantir os seus servizos dixitais dependa exclusivamente do seu tamaño ou da súa capacidade orzamentaria” salientou o presidente da FEGAMP.

Alberto Varela rematou a súa intervención reafirmando que “desde o municipalismo galego temos claro que todos os concellos, con independencia da súa dimensión e dos seus recursos, deben poder ofrecer servizos dixitais seguros e fiables á súa cidadanía”  polo que “non abonda con ter concellos dixitais; necesitamos concellos dixitais seguros, preparados e con capacidade para responder aos desafíos do futuro”.