A Fegamp e ADEN colaboran para informar á cidadanía sobre a correcta xestión de residuos eléctricos e electrónicos

Data: 

martes, 9 Xullo, 2019 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2019.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos (ADEN), colaboran para a correcta xestión dos RAEE (Residuos de Aparatos Eléctricos y Electrónicos) que son xerados nos concellos galegos e concienciar e informar á cidadanía sobre a reciclaxe destes refugallos.

A Fegamp enviou a todos os concellos galegos material divulgativo realizado en colaboración con ADEN, para informar á cidadanía sobre a correcta reciclaxe dos aparellos eléctricos e electrónicos nos concellos e para que coñezan os distintos puntos de recollida de RAEE existentes en Galicia. Desta forma os veciños e veciñas saberán que dispoñen de varias alternativas para entregar o seu vello aparello eléctrico ou electrónico xa que ademais das opcións que ofrecen as Entidades Locais a través dos puntos limpos fixos ou móbiles aos que os usuarios poden acudir para depositar os seus RAEE, outra alternativa nova que ofrece a vixente lexislación, é acudir aos puntos de venda de aparellos eléctricos ou electrónicos para reciclar estes refugallos.

No caso de que os distribuidores dispoñan dunha zona de venda para aparellos eléctricos e electrónicos cunha superficie mínima de 400 metros cadrados, os distribuidores están obrigados a realizar a recollida gratuíta de aparellos eléctricos ou electrónicos de tamaño pequeno (que non teñan ningunha dimensión exterior que exceda os 25 centímetros) e sen necesidade de adquirir un aparello eléctrico ou electrónico novo. Pola contra os distribuidores teñen a obriga de recoller o RAEE de calquera tamaño, con independencia da superficie da zona de venda, cando os usuarios adquiran un novo aparello eléctrico ou electrónico doméstico equivalente ao que se entrega.

Xunto co material divulgativo fíxose tamén chegar aos concellos unha enquisa co obxecto de coñecer con maior detalle o funcionamento dos puntos limpos municipais na recollida de RAEE para saber a forma na que está a funcionar a recollida destes refugallos e co fin de mellorar o funcionamento como centros de recepción e almacenamento selectivo destes residuos de procedencia municipal e que non son obxecto de recollida domiciliaria ordinaria.

Ambas entidades buscan así encontrar sinerxías entre as administracións locais e os comercios de proximidade do sector dos electrodomésticos co obxectivo de camiñar cara a economía circular.