FEGAMP e a conselleira de Medio Ambiente abordaron o anteproxecto de Regulamento estatal de Costas

Data: 

mércores, 18 Marzo, 2026 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2026.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, mantivo unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Ánxeles Vázquez, para abordar o proceso aberto polo Goberno de España para modificar o Regulamento Xeral de Costas.

A reunión foi convocada pola propia conselleiera, e xunto co presidente asistiron María Barral, vicepresidenta executiva, ademais da alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e o alcalde de Ordes, José Luis Martínez, ambos membros da Comisión Executiva da FEGAMP.

Alberto Varela agradeceu a invitación da conselleira para abordar esta cuestión nun encontro ao que acudiron para coñecer a posición da Xunta de Galicia, e indicou que nos vindeiros días tamén se reunirán co delegado do Goberno en Galicia para tamén coñecer a postura do Executivo central.

O presidente da FEGAMP confirmou que que a especificidade da costa galega require o todo o coñecemento deste proceso antes de avalialo e facer declaracións, asegurando que se participa nestes encontros "con ánimo construtivo" e "receptivo" para atender as sensibilidades de todos os concellos costeiros.

Sobre as críticas da conselleira á falta de tempo para presentar alegacións ao texto estatal, o presidente da FEGAMP lembrou que os concellos galegos tamén reclaman á Xunta un maior prazo de alegacións ao anteproxecto de Lei de Administración Local de Galicia, que lles afecta directamente, salientando que "estamos moi a favor de ter todo o tempo do mundo para facer alegacións e trámites como pedimos recentemente coa lei de administración local de Galicia".