Data:

Máis de corenta participantes na xornada entre alcaldes e alcaldesas, secretarios e secretarias, xuíces e xuízas de paz e persoal técnico e de xestión de concellos
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025.- Dende a sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrouse a xornada “on line” sobre as novidades da entrada en vigor da lei Orgánica 1/2025, do 2 de xaneiro de medidas en materia de eficiencia do Servicio Público de Xustiza.
A xornada contou coas intervencións da secretaria xeral da FEGAMP, Patricia Vilán; do director Xeral de Xustiza, José Tronchoni, e do xefe de servizo de Modernización da Administración de Xustiza de Galicia, César Domínguez. Despois das intervencións, as máis de corenta persoas participantes puideron achegar as súas consultas. Participaron as alcaldesas de Bergondo (A Coruña), de Barreiros e Samos (Lugo), e o alcalde de Paderne de Allariz (Ourense), ademais de secretarios e secretarias, xuíces e xuízas de paz e persoal técnico e de xestión de máis de corenta concellos.
A implementación da nova lei de eficiencia implica a reforma dos douscentos sesenta e oito xulgados de paz de Galicia (o seu deseño e estrutura organizativa e as relacións de postos de traballo) e convertelos nas novas Oficinas de Xustiza no Municipio, que deberán achegar maior proximidade á cidadanía en todo o territorio paliando no posible os efectos negativos da dispersión e do despoboamento.
Nese proceso, FEGAMP e a Dirección Xeral da Xustiza están a colaborar para facilitar o seu desenvolvemento nos concellos, como no caso desta xornada e na realización dunha enquisa para coñecer polo miúdo a situación das oficinas xudiciais locais e dos xulgados de paz.
Para a secretaria xeral da FEGAMP “esta colaboración é fundamental para a aplicación da nova lei de eficiencia nos concellos, atendendo aos xulgados de paz existentes en Galicia, e mesmo na posta en marcha das oficinas agrupadas de xustiza no municipio” nos concellos de cabeceira de partido xudicial que terán que atender aos concellos que aínda non tiñan xulgado de paz.